O valor económico dos medios en galego supón o 4,7 por cento da produción cultural

A xente nova demanda medios en galego pero prefire os que usan o castelán

Håkan Casares, responsable do Observatorio da Cultura Galega, presentou unha serie de datos estatísticos de diversas fontes reunidos ex-profeso para este foro arredor da situación da Lingua galega e medios de comunicación dentro do programa da xornada Lingua, medios públicos e dobraxe que se está a levar a cabo no Consello da Cultura Galega. O evento aborda o papel que xogan os medios de comunicación públicos como actores comunicativos, canles culturais e instrumentos de formación lingüística para a normalización da lingua galega e na difusión da cultura propia de Galicia. Os datos actualizados presentados por Casares presentan indicadores económicos, de titularidade, de distribucións dos medios e das preferencias do públicos, que contemplados de xeito conxunto serven para facer un retrato da situación no seu percorrido durante unha década, unha situación marcada invariablemente polas cifras relacionadas coa produción e audiencias da CRTVG e pola crise económica. Para Casares a realización de estudos estatísticos de xeito continuado sobre o sector dos medios en galego resultaría "desexable" para sacar conclusión que puidesen ser de utilidade visto que ademais, segundo o Observatorio da Cultura, o valor conxunto da produción de estes supón o 4,7% do valor da produción en cultura do país.

O valor económico dos medios en galego (aqueles cuxos contidos son máis do 70% neste idioma) a ano 2016 era de 101 millóns de euros. Este dato tirado dos traballos do Grupo de Investigación sobre Medios de Comunicación y Periodismo en Lenguas Minoritarias Europeas HEKA da Universidade do País Vasco. Segundo Casares este valor xa sería algo maior a día de hoxe e está sobre todo baseado na CRTVG e nas radios municipais e de titularidade pública, a eles corresponde o 97,8 % do volume económico e dentro deles moi maioritariamente á TVG. Nos datos HEKA tamén se pode observar a evolución do desenvolvemento dos medios en galego entre o ano 1963 ao 2015 en franxas de catro anualidades e que amosan unha constante creación en alza ata 1999 para despois reducir ese ritmo de creación e, de feito comezar a desaparecer algúns entre 2005 e 2009 seguindo unha liña decrecente ambas tendencias e coa novidade, entre 2010 da transformación de medios escritos e cibermedios.


Fonte: Medios de Comunicación y Periodismo en Lenguas Minoritarias Europeas HEKA da Universidade do País Vasco.


O responsable do Observatorio tirou tamén de datos da Enquisa de Condición de Vida e Familia do Instituto Galego de Estatística (IGE) que presentan as preferencias lingüísticas de uso da cidadanía á hora de achegarse aos medios relativa ao período 2008-2013. En todas elas (prensa, radio, televisión, Internet) a evolución era similar: o número de persoas que prefiren usar o galego sempre ou maioritariamente decrece en varios puntos ao longo do período. Como un paradoxo ve o responsable do Observatorio da Cultura o feito de que a mesma enquisa do IGE amose que a xente máis nova é que menos prexuízo pon ao uso do galego nos medios, xa que é entre o colectivo de 16 a 29 anos no que se recolle a máis solicitude de medios de comunicación en galego. O feito de que sexa este mesmo colectivo de idade o que consume máis medios en castelán leva a Casares a opinar que o que pode ocorrer é que "non atopan contidos no noso idioma que satisfagan os seus gustos ou necesidades".

Fonte: IGE