As cidades celebran o Día da Danza con actividades e espectáculos

Baile tradicional, contemporáneo e danza urbana entre a oferta

| Santiago. Redacción | Seccións:
Compartir:

A celebración este vindeiro domingo, día 29 de abril, do Día Internacional da Danza establecido pola UNESCO, levará a varias localidades a programar actuacións de esta arte escénica para achegala ao público. Danza contemporánea, tradicional e urbana protagonizarán as ofertas deses días nas principais cidades. A Agrupación de Centros Deportivos e Culturais de Vigo celebra o Día Internacional da Danza, en colaboración coa Concellería de Cultura e Festas do Concello de Vigo, realizando un total de 15 actuacións de danza tradicional galega en 5 lugares da cidade que se realizarán de xeito simultáneo ás 12 horas en todas as uibcacións escollidas da cidade olívica. Na Coruña o Concello celebra este día cunha xornada de portas abertas no escenario do Teatro Rosalía Castro. De 10.00 a 11.00 horas haberá unha práctica de danza en familia aberta a rapaces e rapazas de todas as idades e aos seus familiares con Cristina Montero. Despois a partir das 11.30 h unha práctica combinada de Lindy Hop e danza contemporánea con Armando Martén, unha sesión de iniciación para achegarse a estes dous estilos de danza e gozar dunha mañá divertida e en movemento.

En Santiago, a efeméride levou a organizar un catálogo de actividades que comezou onte e se prolongará ata o vindeiro 5 de maio. Dous obradoiros e cinco espectáculos que terán lugar no Teatro Principal, o Auditorio de Galicia e o Centro Xove da Almáciga. A bailarina e coreógrafa Janet Novás leva este venres ao Teatro Principal o espectáculo Si pudiera hablar de esto no haría esto, unha peza coproducida por Festival de Otoño en Primavera da Comunidade de Madrid, o Teatro Pradillo, Escenas do Cambio e Festival BAD Bilbao. O sábado 28 de abril, ás 18:30 horas, a compañía galega Entremáns presentará Gaia, tamén no Teatro Principal. O domingo á tarde, Nova Galega de Danza levará o Auditorio o seu espectáculo Son. Dirixida por Jaime Pablo Díaz e Carlos Rodríguez, a peza conta con bailaríns de danza tradicional galega, danza española e danza contemporánea. Pasado o día 29 de abril, os festexos do Día Internacional da Danza esténdense unha semana máis. O bailarín e coreógrafo arxentino Dani Panullo dirixirá o venres un obradoiro de break dance e ao día seguinte, o sábado 5 de maio, estará a presentar no escenario do Principal o seu espectáculo de danza urbana Avalanche.

Que che parece esta nova?
45 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Danza, Espectáculo, Teatro, Teatro Rosalía Castro...