TRC Danza achega dezaseis espectáculos á Coruña

Primavera de Danza en Carballo e Danza 3 completan unha axenda chea de artes do movemento

A primavera comeza cunha axenda repleta de propostas vencelladas ás artes do movemento. O Concello da Coruña presentaba onte a nova edición de TRC Danza, que nesta ocasión levará ao Teatro Rosalía de Castro un total de dezaseis actuacións, entre elas as de sete compañías galegas. O vindeiro 21 de abril abre lume 50 minutos de simulación programada, con Now a seguir o día 28. O 29, un programa dobre celebrará o Día Internacional da Danza con obradoiros familiares, de lindy hop e de danza contemporánea para adultos. Método Negro, o día 12 de maio, Bailar en hombre, o 26 e Black Apple y los párpados sellados continúan o ciclo. Despois a programación terá unha pausa estival para continuar en setembro.

Pola súa banda, Carballo acollerá ao longo deste mes as sete propostas que fan parte do programa do XVI Primavera en Danza. Toni Jodar e a súa conferencia bailada abre o ciclo do día 14, mentres no día seguinte será a quenda dos Viaxes de Lusco e Fusco. Vuelos de Aracaladanza (domingo 15), Hollywood, de Andrea Quintana (venres 20), Toda a beleza do mundo, de María Move (sábado 21) Now, de Lasala (venres 27) e Si pudiera hablar de esto no haría esto, de Janet Novás (venres 28) completan o programa.

E o pasado domingo Cantigas e Agarimos iniciaba en Vedra a nova edición de Danza 3. O ciclo da Agadic dedicado ás agrupacións tradicionais levará a esta formación, á viguesa O Fiadeiro e mais aos coruñeses Xacarandaina a Allariz, Arzúa, As Nogais, Bande, Burela, Caldas de Reis, Guitiriz, Marín, Monforte de Lemos, Muros, Ourense, Soutomaior ou Pontedeume, cun total de quince actuacións.