Dhogs (Gaitafilmes, Pixel films), a ópera prima de Andrés Goteira ven de engadir un recoñecemento internacional máis ao seu avultado palmarés propio. O filme acadou o prestixioso Premio da crítica no marco do Festival Internacional de Cinema Fantástico de Bruxelas. A película, que acadou 13 galardóns na última edición dos Premios Mestre Mateo do audiovisual galego, resultando a produción máis premiada na historia destes recoñecementos, segue a acumular fitos. Antes da agardada estrea en salas Dhogs proxectarase o sábado 12 de maio nos Multicines Norte, de Vigo dentro do Festival Primavera Do Cine. Esa mesma sala acollera a preestrea no Día das Letras Galegas. O filme, gravado en galego, conecta 6 tramas que alternan a intriga, a obsesión e a sensualidade. Unha película de historias paralelas que xiran en torno a unha serie de peculiares personaxes: Unha fermosa muller, un home de vida escura, un taxista e un vello ex-militar. A película rodada en Galicia e Almería, foi financiada por máis de 300 pequenos investidores a través de micromecenazgo e foi subvencionada por Agadic e a Deputación Provincial de Lugo. Ademais conta cos patrocinios Galipizza, Cervexa Áncora e o Concello de Meira e coa colaboración dos Concellos de Viveiro, A Coruña, Oleiros e a Deputación de Almería, entre outros.