A quinta edición do Carballo Interplay, o festival de contidos dixitais e primeira competición de webseries de España que se celebrou a pasada semana na vila coruñesa, pechouse cun palmarés de premiados no que destaca a comedia Buster que leva catro dos premios desta xeira. Buster, do realizador canario David Saínz, acadou o premio a mellor webserie estatal, o de mellor actor para Manuel Noguera e o propio Saínz como director e guionista recolleu outros dous. Foi un gran día para o canario xa que outra webserie súa, Mambo, recibiu o Premio do Público. O premio ao proxecto en galego foi elixido por un xurado específico composto por Alberto Fernández Torres (subdirector de contidos e transmedia de RTVE Digital), Maya Nieto Maidagán (directora dixital en Globomedia), José Pereira (director da Área de Innovación e Negocio da CRTVG), Xose Regueira (concelleiro de Promoción Económica de Carballo) e Sonia Méndez (directora do Carballo Interplay) que decidiu outorgar o galardón, dotado con 1.500 euros para a produción dos tres primeiros capítulos, a Sígueme, de Nuria Cancela, Alba Pego, Laura Pose e Aitor Ramos. O xurado da sección oficial composto polo guionista e realizador Carlo Padial, a crítica Desirée de Fez, o xornalista Iago Fernández, a actriz María Tasende, o guionista Oscar Cruz -en representación da Asociación Galega de Guionistas- e a directora Anxos Fazáns -en representación da Asociación de Directores e Realizadores de Galicia- decidiu tamén premiar á webserie Emilia envidia co premio internacional e a Monumento co premio á mellor webserie en versión orixinal en galego. Macarena Gómez por Dorien recolleu o galardón a mellor actriz e o Xurado Novo outorgou o seu recoñecemento á produción Bright Summer Night.