Natureza de illa é o título da publicación que acaba de lanzar na rede a Real Academia Galega. O volume recolle os textos da homenaxe que a institución lle realizou onte, Día Mundial da Poesía, a Xohana Torres, membro da entidade falecida o pasado outono. Memorias coa autora, louvanzas, creación literaria e mesmo os textos das cancións Nai e Penélope, que Guadi Galego e Guillerme Fernández realizaron sobre poemas da autora, fan parte da obra, que se pode descargar no web da RAG. Marilar Aleixandre coordinou un volume que conta con textos de Ana Romaní, Euloxio R. Ruibal, Ánxela G. Abalo e Gustavo Pernas, Tamara Andrés, Xosé Manuel Beiras, Berta Dávila, Xosé Luís Franco Grande, Margarita Ledo, Carlos Negro ou Luz Pozo Garza, entre outras sinaturas.