'Uxía-o' gaña o Premio da Música Independente

O disco-libro con textos de Novoneyra vence na categoría de discos en lingua galega do 2017

 Capa do disco libro
Capa do disco libro
O disco-libro Uxía-O, no que a cantante Uxía en colaboración co músico Sergio Tannus pon música e canto aos versos do poeta Uxío Novoneyra, alzouse onte á noite co Premio MIN ao mellor disco en galego da industria independente no ano 2017. A obra, editada por Damadriña Producións baixo o selo da propia Fundación Uxío Novoneyra, competía nesta categoría con Fainos saír, de Atrás Tigre; Xardín interior, de Esposa; Livres e loucas, de Habelas hainas e Quixera ser dos paxaros,de Os d´abaixo. O audiolibro competía ademais na categoría de deseño gráfico, que non conseguiu gañar. As catro candidaturas finalistas de Xoel López nesta Xª edición dos Premios MIN da Música Independiente ao final non se viron recompensadas con ningún galardón. En Uxía-O ademais de poemas musicados, tamén se presentan diferentes textos unidos nunha mesma canción, como é o caso de O aire ou A miña sombra correndo, transformados en alalá. O álbum recupera tamén a composición Cain as follas, de Emilio Cao, ou Alalás encadeados, poema inédito que xa se puidera escoitar no disco Meu Canto de Uxía. O disco conta co acordeón de Santi Cribeiro, as percusións de Isaac Palacín e con José Manuel Díaz ao contrabaixo, ademais de colaboracións de Ana Isabel Días na arpa clásica, Quim Farinha no violín ou Fred Martins.