Abe Rábade cruza fronteiras entre artes cunha exposición

A galería compostelá Os Catro Gatos acolle esta mostra que une fotografía e textos

Obra da exposición
Obra da exposición
Se ben Abe Rábade é máis coñecido, incluso internacionalmente, pola súa faceta musical como compositor e pianista, as súas inquedanzas artísticas e creativas non caben nun pentagrama. A galería compostelá Os Catro Gatos acolle actualmente e ata o 21 de marzo a exposición Na Fronteira do Espello coa que Rábade presenta 19 imaxes fotográficas asociadas a cadanseu palíndromo, frases que poden ser lidas en dúas direccións xa que a disposición das letras da sempre o mesmo resultado, coma se no medio da frase houbese un espello. A intención ao asocialas ás imaxes é a de provocar un diálogo entre a elocuencia dunha imaxe e un texto en espello que introduce o humor, unha descrición ou un elemento contrapuntístico na conversa. Das 19 pezas, 17 teñen un texto en galego e 2 un texto en inglés. As 19 pezas de Na Fronteira do Espello irán acompañadas durante a súa exhibición, pola proxección do Videopoema AUGA, unha curtametraxe do mesmo Rábade que mestura música, poesía e imaxe e comparte o substrato estético e emocional desta colección de conversas da imaxe co reflexo das palabras. A galería ofrece tamén encontros co autor a xeito de visitas guiadas pola exposición, a primeira das cales terá lugar este sábado 24 ás 19 horas.