Carballo Interplay suma un espazo profesional na súa vindeira edición

O Festival de Cans incorpora un certame de booktrailers

O festival de webseries Carballo Interplay continúa a súa evolución e medra para a súa quinta xeira, que se celebrará entre o 4 e o 7 de abril. A organización acaba de anunciar a posta en marcha dunha xornada profesional, que o día 5 buscará "conectar a creadores e creadoras coas principais plataformas, produtoras e medios de comunicación que están apostando polos contidos dixitais de creación propia". Co prazo de inscrición aínda aberto, o encontro contará con representantes das plataformas Playz de RTVE, FLOOXER (Atresmedia), MTMAD (Mediaset), CRTVG ou Playground entre outras, "ademais de varios directoras e programadoras de festivais de series dixitais estatais e internacionais".

De xeito previo á celebración do festival, a biblioteca Rego da Balsa de Carballo acollerá dúas sesións nas que se amosarán algunhas das propostas que se puideron ver e se promoveron desde o festival. Así, o día 15 de febreiro poderá asistirse a partir das 19 horas a unha selección das webseries impulsadas desde o evento, con títulos como Toñito, ti es especial, Muerte al youtuber, ou Peter Brandon, coa presenza de Jorge Boquete e Óscar Cruz, director e guionista da serie e de Pedro Brandariz, protagonista. O día 22 será a quenda das webseries galegas premiadas no festival. Poetarras, FAME, Orfanato Atroz, Clases de lo social, Teño unha horta en San Sadurniño e Entre Pipas farán parte da proxección.


Pola súa banda, o Festival de Cans anunciou que para a súa vindeira xeira, que se celebrará entre o 23 e o 26 de maio, contará cun novo certame. O concurso Ollo de vidro, dotado con 650 euros, premiará os mellores booktrailers e booktubers. Nada co "obxectivo estimular a lectura en galego e a creación audiovisual entre persoas de todas as idades, pero sobre todo entre as máis novas e os máis novos" a iniciativa conta co patrocinio da Asociación de Veciños de O Calvario en Vigo e conta coa colaboración de bibliotecas, institutos e a Escola de Idiomas de Vigo. Os proxectos finalistas proxectaranse no propio festival.