Crean unha asociación para difundir a José Afonso en Galicia

Celebrarán un festival e unha conferencia o sábado 27 de xaneiro

Partindo da Associação José Afonso, dedicada en Portugal á memoria do mítico músico portugués, un grupo galego está a organizar a Associaçom José Afonso en Galicia co obxectivo de "difundir os valores do Zeca". Afonso tivo moitos vínculos con Galicia, ata o punto de que a primeira interpretación do "Grândola, vila morena" foi realizada en Santiago de Compostela. Co gallo da creación da asociación galega, este sábado 27 haberá unha serie de actividades nesta cidade. Ás 18 horas haberá unha mesa redonda na Gentalha do Pichel sobre "O triângulo mágico na vida e obra do Zeca Afonso: África-Portugal-Galiza", e posteriormente, un concerto na sala Malatesta ás 22 horas no que participarán artistas como Uxía, Nao, Falua, Xico de Carinho & Manolo Bacalhau, a Banda das Crechas, Do fondo do peto xunto cos artistas portugueses Francisco Fanhais, Cais da Saudade e Tiago Fernandes, presentados por Carlos Blanco.

Alí tamén estarán á venda o material promocional da AJA-Galiza, que consistirá en camisolas, bolsas e crachás co lema ‘Tal vez ninguém me entendesse como na Galiza’, cita textual do Zeca que pon de relevo a forte ligazón co noso país. As persoas interesadas tamén poderán adquirir este merchandising a través da web.



cartazAmais da música, o arranque da asociación galega contará coa palestra O triângulo mágico na vida e obra do Zeca Afonso: África-Portugal-Galiza, que será impartida no mesmo día ás 18 horas na Gentalha do Pichel polo vicepresidente da entidade portuguesa, Paulo Esperança. O palestrante fai parte dunha delegación da AJA-Portugal que se achegará a Santiago de Compostela para participar nunha recepción institucional e unha cea de confraternización, amais dun acto na praza Zeca Afonso, ubicada a carón do Auditorio de Galicia. Foi nese lugar, nas antigas instalacións do Burgo das Nacións, onde Afonso tería tocado por primeira vez o Grândola, vila morena, símbolo da Revoluçãodos cravos.



E para pór o ramo a estes eventos, a Casa das Crechas acollerá a partir da sexta feira 26 de xaneiro -e até o próximo 28 de febreiro- Zeca: o que foi e o que é, unha exposición fotobiográfica que recolle 32 paneis. Esta trintena de imaxes amosará a vinculación do artista con Galiza, e como este inspirou parte da súa obra nas músicas populares galegas.



Tamén a partir desa fin de semana será aberto o prazo para facerse socia ou socio da organización, que adianta que haberá máis actividades ao longo do ano por todo o país.