A Agadic incrementa o seu apoio aos cineclubs galegos

Apoiará con 30.000 euros 24 ciclos e semanas de cine en 16 localidades

A Federación de Cineclubes de Galicia asinaba onte un convenio coa Axencia Galega das Industrias Culturais polo que este organismo público apoiará a actividade destas entidades ao longo de 2018. En total serán 30.000 euros, 5.000 máis que en 2017, os que facilitarán o desenvolvemento de 14 ciclos e de 10 semanas de cine nun total de 16 localidades, unha máis que no anterior período. Segundo explica o comunicado da Agadic, o obxectivo deste convenio "é reforzar o papel destas asociacións culturais como alternativa á exhibición cinematográfica dos circuítos comerciais e, nalgúns dos casos, como única posibilidade de ver cinema en pantalla grande para os espectadores das súas localidades".

Os ciclos de cine incluídos neste convenio serán organizados pola federación arredor dunha temática con filmes seleccionados a partir dun catálogo proposto pola Axencia, mentres nas semanas de cine son os cineclubs os que organizan as proxeccións e actividades paralelas. Segundo o convenio, desenvolveranse ciclos en Bueu, Cangas de Morrazo, Poleiro de Goián (Tomiño), A Illa de Arousa, Valle Inclán de Lugo, Liceo de Noia, Groucho Marx do Barco de Valdeorras, O Carballiño, Padre Feijoo de Ourense, Pontevedra, A Lanterna de Viana do Bolo, Lumière de Vigo, Adega de Vilagarcía de Arousa e Pensamento e Sementeira de Viveiro. Mentres, as semanas de cinema terán lugar nos cineclubs de Cangas, Lugo, O Barco, O Carballiño, Ourense, Pontevedra, Vigo e Vilagarcía, ademais de nos Papeiros de Chantada e na Calexa de Monforte de Lemos.