A cultura galega despide hoxe ao pintor Manuel Moldes

O seu alumnado da Facultade de Belas Artes faille unha homenaxe en forma de obra colectiva

O seu alumnado da Facultade de Belas Artes faille unha homenaxe en forma de obra colectiva
Homeanxe a Manuel Moldes do alumnado da Facultade de Belas Artes de Pontevedra. Foto: Facebook Facultade Belas Artes
Foi un dos artistas que formaron parte de Atlántica, o movemento renovador da plástica galega. Manuel Rodríguez Moldes (Pontevedra, 1949-2017) faleceu na madrugada do pasado sábado no Hospital Montecelo da súa cidade, tras unha longa enfermidade. A noticia foi recibida con moito pesar polo ambiente cultural do país. Moldes era un referente indispensable na arte contemporánea, profesor de Debuxo na Facultade de Belas Artes de Pontevedra, é xustamente sobre a dificultade do debuxo sobre o que fai o seu discurso de ingreso na Rela Academia Galega de Belas Artes da que é nomeado académico no ano 2005. Hoxe terá lugar no cemiterio de San Mauro o seu sepelio ás 17 horas e a continuación, ás 19 horas, organízase un acto civil no seu nome no Teatro Principal de Pontevedra. O Concello de Pontevedra fixo publico un comunicado no que expresa oficialmente o seu pesar polo falecemento do pintor, “protagonista e referente indiscutible da vida pública e cultural de Galiza, e especialmente da cidade de Pontevedra, onde desenvolveu toda a súa vida profesional e persoal.” Desde o consistorio lembran que Manuel Moldes foi un decidido defensor das artes co selo galego. Destacou, tamén, pola súa actitude combativa ante a vida, mantendo sempre a cabeza e o corazón en Pontevedra, cidade que nunca abandonou e na que desenvolveu a súa vida profesional vinculado á facultade de Belas Artes, formando a novos creadores. O alumnado da facultade de belas artes levou a cabo hoxe unha homenaxe a Manuel Moldes no patio da facultade. Por desexo del mesmo os alumnos e alumnas pintaron un cadro colectivo para despedir a un dos profesores máis queridos.