Berio Molina faise co Premio Auditorio de Galicia para Novos Artistas

O creador acaba de presentar o libro-disco Setras

Imaxe de <i>Escapes</i>, de Berio Molina.
Imaxe de Escapes, de Berio Molina.
Escapes é o título da peza coa que Berio Molina se facía onte co Premio Auditorio de Galicia para Novos Artistas. O xurado recoñeceu esta instalación sonora que explora, segundo o autor, "a capacidade dos obxectos de fuxiren das determinacións ordinarias e que procura desbloquear e desocultar relacións tópicas nas que operan sempre os poderes do cotián, ou do normativo, ou do normalizado". Ademais deste premio, dotado con 6.000 euros, foron recoñecidos no certame Carlota de Leal cun segundo premio de 2.000 euros e Brais Rodríguez, que levou un accésit polo seu proxecto Liñas Verticais. Logo da entrega inaugurouse a exposición Décimo Premio Auditorio e Galicia para novos artistas, na que se poderá ver ata o 8 de abril unha escolma de 37 traballos que o xurado seleccionou entre as 87 propostas que concorreron ao premio.

Molina está a presentar estes días a súa obra Setras, coa que obtivo o Premio Especial do Xurado en Puchi Awards 2017, galardóns que recoñecen os proxectos de libro máis innovadores. Unha colaboración entre Fulgencio Pimentel, La Casa Encendida e a Fundación Mayeusis edita en verións en galego e castelán esta obra na que o autor realiza un estudio sobre a o son que emana do acto de escribir. Textos a medio camiño entre a poesía e o ensaio desde perspectivas como a física, a arte da acción, o absurdo e a asociación libre de ideas preséntanse acompañados un disco de sucos fechados nos que cada un deles reproduce un único son en bucle. O autor presentará este traballo o vindeiro sete de decembro na sala NUMAX de Santiago de Compostela.