Demo Editorial leva unha mostra da BD galega ao salón Graf de Madrid

David Rubín e Emma Ríos optan a dous dos galardóns do encontro

Mañá abre as súas portas en Madrid o Graf Cómic, o principal encontro de cómic de autor e edición independente que se celebra no Estado. A iniciativa contará este ano cunha importante presenza galega, xa que Demo Editorial levará baixo o epígrafe Noroeste BD. Cómic desde Galicia un posto no que amosará e porá á venda unha selección de 75 títulos publicados nos últimos anos no noso país. Na mostra inclúense tanto a trintena de referencias que ten a firma como case cincuenta títulos autoeditados por diferentes autores e colectivos do país. Segundo sinala Manel Cráneo, responsable da editora, "non hai unha estratexia seria e firme para a Cultura Galega acorde aos tempos que corren e que atenda ás necesidades do sector gráfico da banda deseñada que a nivel autoral vive unha época dourada e de máximo explendor na que as meirandes figuras non poden ser profestas na súa terra porque non reciben apoio ningún".



Canda a el, estarán na feira postos das editoras galegas Foster Edicións e Fosfatina, que ademais coorganiza a exposición Teen Wolf, de pelo en pecho, na que unha selección de autoras reinterpreta o mito do lobishome. Ademais, a editora Tik Tok entregará neste evento o seus premios, que contan cos autores galegos David Rubín e Emma Ríos como candidatos ao premio "Quien la lía más parda" canda ao arxentino Berliac.