O MIPCOM de Cannes acolle hoxe unha acción de promoción do audiovisual galego

O Clúster Audiovisual e AGADIC colaboran para aproveitar as oportunidades da feira internacional

O Mercado de Contidos Audiovisuais MIPCOM de Cannes acollerá hoxe un acto promocional do sector audiovisual galego. O Clúster Audiovisual Galego levará a cabo, en colaboración coa AGADIC, esta acción. Desta maneira, o clúster patrocinará a “Happy hour” do Programa MEDIA en Mipcom, que terá lugar hoxe, á 17:00 horas, no stand de Europe Creative MEDIA. Durante o transcurso do encontro farase unha presentación do clúster e das súas empresas, en especial das que están presentes no mercado, e proxectarse un vídeo promocional do audiovisual galego. Nesta edición, acoden a Mipcom as empresas socias do Clúster Audiovisual CTV, Ficción Producciones, Portocabo e Tamboura Films, dentro da delegación empresarial galega promovida pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) coa colaboración do clúster, e que a completan as firmas Maruxiña Filmes, Treeline Distribution e Zenit TV. Ao mercado asisten ademais outras compañías socias como Bambú Producciones, Filmax International, Pequerrecho Subtitulación e Televisión de Galicia.

Durante os catros días que dura a feira, as compañías galegas terán ocasión de promocionar os seus produtos e servizos, ampliar a rede de contactos e abrir novas vías de negocio para os seus formatos. Ficción Producciones participou esta fin de semana en MipJunior coa serie de animación infantil Tutú, estreada en RTVE, e tamén chega a Mipcom coa miniserie Una casa en amargura. Pola súa parte, Portocabo leva ao mercado as series Vidago Palace e Hierro e a tv-movie Hijos del sol. Mentres que CTV participa coa serie Dalia, la modista, que acadou catro premios Mestre Mateo este ano, e co formato Camera Gags e Tamboura Films co seu proxecto Historias Mínimas. En Mipcom tamén estarán títulos da Televisión de Galicia como Hospital Real, O Códice, Urxencia Cero, Serramoura, premio á mellor serie nos Mestre Mateo deste ano, ou Peregrino, entre outros. E de Bambú Producciones as series Tiempos de guerra, Fariña ou Velvet Colección.
Ligazóns