Do pedestal á pel: Cen anos de merchandising rosaliano

Desde a estatua ao téxtil ou á impresión 3D, a efixie de Rosalía de Castro deveu un símbolo para o país

Desde a estatua ao téxtil ou á impresión 3D, a efixie de Rosalía de Castro deveu un símbolo para o país
Hai cen anos a Alameda de Compostela acollía a inauguración dunha estatua de homenaxe a Rosalía de Castro. Naquel momento, a cultura do país ergueu este monumento como xeito de facer evidente a importancia da autora e a súa pegada na sociedade. Un século despois, a efixie da poeta reprodúcese, con novos feitíos, en cuncas, camisolas, adornos e todo tipo de produtos. A nosa sociedade continúa a reivindicar, con novos xeitos, o carácter icónico desta pioneira das nosas letras.

A pasada fin de semana Compostela acollía unha iniciativa pioneira na nosa axenda cultural, un festival dedicado en exclusiva a unha figura das nosas letras. A proposta, organizada pola área de Cultura da Deputación da Coruña coa colaboración do Concello de Santiago, a Fundación Rosalía e a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega non podía menos que estar dedicada a Rosalía de Castro. Logo de 130 anos do seu pasamento a poeta constituíuse nun símbolo da literatura e da cultura do país, unha auténtica icona que non conta con casos equiparables. No programa o día 29 de setembro unha gala reunía no Teatro Principal versións musicadas dos seus versos a cargo de Abe Rábade, Nastasia Zürcher, Najla Shami, Uxía Senlle con Sérgio Tannus e Santi Cribeiro, e Xiana Lastra con Andrea Porto. Canda a eles, un recital poético da man de Anxo Angueira, Cesáreo Sánchez Iglesias, Marta Dacosta e Rosalía Fernández Rial recuperaba os poemas da creadora de Cantares Gallegos. No día seguinte unha feira na Praza de Cervantes amosaba os produtos máis innovadores que empregan a imaxe da autora ou xogan con as súas obras. Un total de dezasete proxectos, entre os que se contaban tres librarías, amosaban as aplicacións desta icona aos máis diversos soportes. Patricia Porto Paderne, da libraría Lila de Lilith, foi unha da participantes no evento. Ao seu ver "foi unha feira moi linda, con moito gusto. Todo o que había estaba moi ben seleccionado e desfrutábase moito. Cada un dos postos complementábase moi ben cos outros, había algúns máis centrados no téxtil ou nas láminas canda a outros de cerámica ou de libros, gustoume moito a selección e tamén me pareceu que a resposta da xente que viña era moi boa".

Da cervexa ás bonecas
Entre as propostas, unha das máis sorprendentes polo seu soporte resulta a cervexa artesá da marca As Galegas que leva o nome e a cara da homenaxeada. Na listaxe atopamos tamén proxectos dedicados exclusivamente á imaxe da poeta, como é o caso de Ana Costas que desde o web Rosalianas vende gravados dixitais en forma de mariquitas recortables coa súa efixie en series limitadas de cincuenta unidades e realiza ademais por encarga proxectos artesáns como son as bonecas de Rosalía. Variedade de retratos, cuncas, bolsas de tea, camisetas, aneis, pulseiras ou outros complementos son propostas que abundaron na feira, sen esquecer outras como axendas temáticas ou mesmo candeas con retratos.

O comezo
Uns pioneiros na actualización da imaxe de Rosalía e da súa integración e produtos de consumo foron Rei Zentolo. Desde a súa Rosalía estilo warhol ata a actual proliferación de propostas pasou xa un bo tempo. "Fixémola en 2005, e naquel momento daba a impresión de que era a grande esquecida da cultura galega. Nós queriamos actualizar a súa imaxe, co referente claro das Marilyn de Warhol, e poñela de novo en valor. Naquel momento todas a imaxes que existían sobre ela eran en branco e negro, nun estilo romántico, agora enténdese máis como un tema telúrico e de amor á terra".

Recuperación crecente
En canto á resposta que colleitan estas iniciativas, semella que as novas representacións chegan a moita xente. "Cando nós lanzamos aquela camiseta de 2005 a maior parte das vendas era a persoas de entre 45 e 65 anos, por riba do que era o noso cliente tipo", explica Salva Zentolo. Desde aquela aparentemente non decaeu o interese do público por meter Rosalías na súa vida, e mesmo se ampliou o espectro de idades que pode atopar produtos do seu interese. Así, segundo explica Patricia Porto "na feira como libraría vendín bastante un par de libros infantís sobre ela". "Houbo momentos nos que retiramos o deseño porque xa non o queriamos vender máis, cedémoslle os dereitos de uso á Fundación Rosalía porque tampouco nos gusta moito darlle un uso excesivamente mercantilista a unha imaxe que é outra cousa. Hoxe semella que está moi en voga, e ata diría que está a se mercantilizar un pouco e que chegamos a un momento no que vale case calquera cousa", asegura Salva. Ademais da existencia dunha gama crecente de produtos rosalianos, para este deseñador Rosalía leva xa varios anos a recuperar espazos na cultura do país, o que retroalimenta o interese por ela. "Desde 2008 semella que cada ano se celebra algo novo arredor da súa figura. Semella que estamos a recuperala aínda que axiña se pensa que leva aí toda a vida", conclúe. Celebracións como o Día de Rosalía, promovido desde a Asociación de Escritores en Lingua Galega facilitan sen dúbida esta actualización da figura.

Do pedestal á pel e á casa
A proliferación de produtos coa imaxe da poeta amosa tamén como mudou o xeito de se relacionar coa súa figura. De se situar como unha icona no espazo público, sexa na forma de estatua, con placas conmemorativas ou a nomear rúas, as novas formas de a representar sitúana nun contexto persoal e doméstico. Deste xeito, pódese vestir a Rosalía, sexa en camisola ou mediante complementos, é posible incorporala á decoración ou pode introducirse na actividade cotiá de diferentes xeitos. Así, establécese unha relación de achegamento entre público e a figura da autora que devén máis directa e persoal, e que mesmo se produce sen a intermediación da obra literaria, de xeito que o personaxe transcende a súa creación. "Ter a imaxe de Rosalía na casa fai que as miñas fillas a vexan, medren con ela e falen dela. O mesmo acontece con quen ten unha boneca, é un xeito de a ver, de dala a coñecer de que sexa algo familiar para nós", explica Porto desde a súa experiencia persoal.

Homenaxes con outra mentalidade
Encol da mudanza nos produtos culturais xerados arredor da poeta, Salva Zentolo sinala que desde as entidades que promoven estes achegamentos "a xente decátase de que se lle pode tirar rendemento a estas imaxes. Isto é bo para as casas museos ou as fundacións que poden financiarse con este material e ademais dar a coñecer a figura do autor correspondente. Entón para que lle vas facer unha estatua que vai estar aí para que lle caguen as pombas". Segundo advirte "é un cambio de mentalidade, tamén moito máis americano, no sentido de que todos tendemos a pensar non só en representar algo senón en como podemos tirarlle rendemento para potenciar outras cousas". Este tipo de relacionamento con iconas culturais non é, desde logo exclusivo na nosa cultura, onde mesmo cabe sinalar que tardou en chegar. Deste xeito, as novas abordaxes sobre a poeta aínda causan sorpresa en boa parte do público. "Penso que son dúas cousas. Por unha banda pesa moito a idea de que é un mito que non se pode tocar. Pola outra, non sei se é porque non se valora o noso, pero estamos afeitos a ver cousas sobre figuras internacionais e recoñecidas que no entanto nos resultan estrañas se se fan con figuras de aquí", explica Patricia Porto. Así, apunta que "da libraría levamos unhas bolsas cun texto moi pouco coñecido dela, de Lieder que sorprende moito. A sensación é que a xente ve normal que haxa produtos con frases de Virginia Woolf, pero temos a Rosalía que tamén deixou escritas cousas moi interesantes".

O respecto
Todas estas innovacións sobre a imaxe e a obra de Rosalía pode facer pensar que as novas xeracións tratan con pouco respecto esta icona patria. No entanto, e á luz dos Test Rosalía que a propia organización da feira fixo públicos nos últimos días, semella todo o contrario. A maior parte dos consultados coinciden en amosar unha enorme admiración pola poeta e salientan a necesidade de tratar con coidado a súa memoria, sen a menosprezar nin ridiculizar ou mesmo evitando empregala como recurso humorístico. Moitas das iniciativas presentes na feira reclaman, iso si, unha maior atención ao seu carácter reivindicativo e loitador fronte á imaxe tristeira que se lle atribuíu durante moito tempo. Así, desde Animosa lamentan "o loito excesivo" que se lle atribuíu, mentres Eladio Cabanelas, de OZOCOGZ, apunta que non gusta "da imaxe morriñenta e tristeira que se intentou vender dela". Iria Ribadomar, de Deica!, considera estas visións "un prexuízo que dificulta a percepción do seu pensamento e sensibilidade, a súa fortaleza, entusiasmo e rebeldía".

Test Rosalía a Nikis Galicia Style
Test Rosalía a Nikis Galicia Style

Tests Rosalía no Facebook de Cultura da Deputación da Coruña

A dificultade
Malia a que pode semellar ante a multiplicidade de propostas que Rosalía é especialmente agradecida para o redeseño, Salva Zentolo apunta que, polo contrario, non é sinxelo traballar cunha icona destas características. "Para nós os referentes culturais son bastante difíciles e moitas veces non os facemos por consideración. No se trata só de facer retranca con eles, senón tamén de os pór en valor, e iso é bastante difícil".

Mesmo con estas dificultades e coa abundancia de produtos rosalianos, Porto non dubida que aínda fica espazo para a innovación. "Penso que aínda haberá máis, é unha persoa que ten tanto unha vida como unha obra moi inspiradoras". Tamén Salva Zentolo apunta novas Rosalías para o futuro. "Temos bastantes ideas para facer, a tirar máis polo ámbito cultural e artístico do que pola comercialización, pero queremos falalo coa Fundación".

GALERÍA: MERCHANDISING ROSALIANO