Cinemas de Galicia e a Rede Galega de Salas inician as súas novas xeiras

Estes circuítos da Agadic achegarán 60 funcións e 41 proxeccións ata fin de ano

Teatro del Andamio e Sala Gurugú da Coruña, Sala Ingrávida do Porriño, Fundación SGAE de Santiago de Compostela e Teatro Ensalle de Vigo acollerán ata fin de ano 60 funcións escénicas no marco da Rede Galega de Salas que promove a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic). A montaxe musical Letras e notas, de Magín Blanco na Fundación SGAE e Camiñando entre estrelas de Ghazafellos en Teatro del Andamio abren este sábado a segunda xeira do ciclo neste 2017. En total serán 30 compañías, maioritariamente galegas, as que actuarán no marco deste programa que busca apoiar a actividade de salas escénicas de titularidade privada e capacidade reducida e que completará así 119 funcións en 2017.


Outro circuíto da Agadic, Cinemas de Galicia, comeza tamén estes días a súa segunda xeira do ano. Espazos de Allariz, As Pontes, Bueu, Cariño, Cedeira, Celanova, Foz e O Grove acollerán 41 proxeccións de 22 dos 27 títulos incluídos no catálogo de 2017. Cariño iniciará a actividade coa exhibición de 100 metros, dirixida por Marcel Barrena.