Monumento de longa duración

Remata a intervención na mámoa 4 de Areoso

Remata a intervención na mámoa 4 de Areoso
Cacharro completo e sen fragmentar localizado na cámara do dolmen de Areoso. Foto: Xunta
Acaba de rematar a excavación do túmulo 4 do illote de Areoso, na ría de Arousa, e as expectativas foron confirmadas: os arqueólogos puideron escavar o interior dunha das poucas cámaras dolménicas en Galicia que non fora expoliada e que amosou mesmo pezas cerámicas enteiras. Pero o dolmen desvelou máis segredos: a excavación revelou o seu uso milenios despois de ser clausurado. Un monumento de longa duración.


“A mámoa 4 de Areoso está a demostrar o que ata agora, no noroeste da península, só coñeciamos por indicios: que xentes de época moi posterior ao propio dolmen continuaron a empregalo como monumento”, sinala Patricia Mañana-Borrazás, a directora da intervención arqueolóxica que rematou hoxe as excavación na mámoa 4 do illote de Areoso. A excavación, financiada pola Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia, está orientada a rescatar e investigar unha mámoa que está sometida a fortes procesos erosivos derivados do mar e da climatoloxía da ría de Arousa.

O illote de Guidoiro Areoso atópase no medio da ría de Arousa e pertence administrativamente ao concello de A Illa. Composto por dunas de area e unha zona de grandes batolitos graníticos, desde os anos 80 ven sendo obxecto de investigacións arqueolóxicas xa que nel gárdase unha necrópole neolítica con varios túmulos e estruturas monumentais, restos de poboados da Idade do bronce e, agora tamén o equipo científico pode confirmalo, da Idade do Ferro. Colectivos veciñais, activistas culturais e científicos viñan reclamando desde hai tempo intervencións científicas no illote para rescatar o seu impresionante patrimonio cultural. Debido aos fenómenos erosivos, ás mareas e ás condicións cambiantes do mar, o illote está reducíndose e todo este riquísimo patrimonio arqueolóxico está a desaparecer. A area engade ademáis importancia ao xacemento: debido á acidez do solo en Galicia para os arqueólogos é moi difícil recuperar material orgánico, clave moitas veces para obter información adicional dun sitio arqueolóxico. A area frea este proceso e incrementa as posibilidades de recuperar material orgánico.

Un cacharro neolítico enteiro e sen fragmentar
E abofé que o dolmen, durante as oito semanas de intervención, ofreceu un material ben rico. “Este dolmen é un tipo de monumento que coñecemos ben, aínda que a cámara non é moi clásica na súa estrutura”, sinala Patricia Mañana. Pero hai unha diferencia: a maior parte dos dólmenes en Galicia foron expoliados nalgún momento por buscadores de tesouros e o seu contido remexido. Ao que parece ser, en Areoso, nos últimos tres mil anos, ese proceso non ocorreu. “O máis destacable”, continúa Patricia Mañana, “é a localización de elementos in situ. Temos unha gran cantidade de doas de colar, pero tamén localizamos moitas cousas na cámara”. Os arqueólogos localizaron unha gran cantidade de machados de pedra depositados no interior da cámara, próximos aos esteos que a sosteñen, e que teñen que ver posiblemente coas ofrendas dos mortos depositados alí. E tamén na cámara, rodeado de machadiños, aparece a que debe ser a peza estrela da intervención arqueolóxico. Un pote cerámico completo, e sen fragmentar, depositado tal e como foi deixado no interior da cámara nalgún momento do Neolítico, hai seis mil anos. Este achado foi totalmente inusual e nesta reportaxe podes ver as primeiras imaxes da peza.


Foto: Xunta de Galicia / Dirección Xeral de Patrimonio Cultural

A excavación permitiu identificar tamén o método de construción da cámara. “Localizamos que prepararon primeiro un solo especial para ubicar o monumento. Non só a cámara, senón que se estende por debaixo da coiraza”, indica Mañana, “e sabemos tamén que o propio monumento ten dúas fases. Na primeira, a coiraza era máis reducida e logo foi estendida”. O dolmen clausurouse nalgún momento do Neolítico pero sen dúbida continuou sendo unha referencia para as xentes. Na Idade do Bronce (1800-700 a.C. en Galicia), moitos centos de anos despois da súa clausura, o túmulo volveu ser empregado e usado. Cun traballo case detectivesco, o equipo científico comprobou que durante a Idade do Bronce partes do monumento foron abertas e remexidas, cunha finalidade que aínda non está clara. O que si está moi claro é que estas xentes empregaron a parte sureste do túmulo (é dicir, a entrada á cámara e ao corredor) de maneira consciente como un lugar no que deixar abundantes restos de comida, das que destacan visualmente as ostras, pero nas que se aprecian tamén numerosos restos de bivalvos, peixe e tamén mamíferos, formando un gran concheiro. E tamén, nesa zona crítica da entrada, os arqueólogos documentaron varias vasixas enteiras. “Isto ten tamén moito de inusual nunha excavación arqueolóxica, xa que habitualmente o que se localizan son restos cerámicos moi rodados, remexidos e movidos”, sinala Mañana. Unha das hipótesis é que os cacharros teñan sido crebados in situ.


Foto: Xunta de Galicia / Dirección Xeral de Patrimonio Cultural

Misterios baixo a duna
Así que o dolmen de Areoso foi usado como monumento durante varios milenios. Pero a esas dúas capas, a neolítica e a da Idade do Bronce, os arqueólogos atoparon unha terceira aínda máis inusual: un tipo de uso, difícil de interpretar, na Idade do Ferro, é dicir, na época dos castros, a máis de tres mil anos de distancia do tempo da fundación do dolmen. “A xulgar pola excavación, sabemos que na Idade do Ferro o dolmen estaba visible e o túmulo, loxicamente tamén, así que sabían onde estaban traballando”, comenta Patricia. O que se atoparon foi dúas estruturas liñais, como valados pouco desenvolvidos, que parten do dolmen e se distancian del. A cronoloxía Idade do Ferro é inequívoca, xa que localizaron bastante material desa época depositado entre esas pedras. “Pero esas estruturas adéntranse por debaixo da duna e non sabemos onde levan”, sinala a arqueóloga.
Aínda que algunhas veces se teñen atopado obxectos da Idade do Ferro ou mesmo de época romana nos vellos túmulos prehistóricos, Mañana sinala que esta estrutura é novidosa e é difícil de interpretar. “Non sabemos canto ten que ver co dolmen e por que foi feita. O que si sabemos é que na Idade do Ferro sabían perfectamente que o dolmen estaba aí”.

De producirse vindeiras escavacións no Areoso, poderíase determinar a que se corresponden estas estruturas da época dos castros sobre antigos dólmenes neolíticos. E non só iso: “o illote está sufrindo unha gran erosión en determinadas zonas”, indica Patricia Mañana, “especialmente nunha área na que se localizan cistas (enterramentos máis pequenos). Sería moi importante continuar nesa zona no futuro”.

No illote de Areoso, este verán, a nosa prehistoria ficou máis alumeada. Coma sempre acontece na arqueoloxía, cada novo paso crea novas preguntas. Aínda así, a mámoa 4, durante milenios baixo a area, soubo responder a unhas cantas.