O Festival de Curtametraxes de Bueu cumpre dez anos esta fin de semana

Antonio Durán Morris recibirá o Premio Cinema Galego na clausura do encontro

A celebrar unha década de existencia, o Festival Internacional de Cinema de Bueu e celebra a súa nova edición entre o 9 e o 16 de setembro. O evento homenaxeará de xeito especial o actor Antonio Durán Morris, que recibirá na clausura o premio Cinema Galego e manterá un encontro co público do festival. Canda a el, os asistentes terán ocasión de coñecer catorce cineastas participantes, chegados de media ducia de países, en diferentes coloquios abertos. En total serán un cento as proxeccións previstas nesta xeira do certame. Na sección oficial competirán un total de 25 curtas internacionais, cunha especial presenza do cinema francés, mentres que nos espazos dedicados á produción galega e española achegarán cadanseus seis traballos, entre eles títulos xa recoñecidos como Decorado de Alberto Vázquez ou Einstein-Rosen, de Olga Osorio.





Canda ás curtas en competición, o programa achega outras dez seccións entre as que se inclúe unha escolma de filmes que estiveron presente nos dez anos do evento. Canda a este, haberá espazos dedicados á animación, a comedia, o cinema familiar ou a Latinoamérica, así como a xa habitual proxección de curtametraxes escolares. Concertos como os de Tanxugueiras, unha sesión de debuxo ao vivo de Luís Davila, a emisión do programa radiofónico Carne Cruda, unha exposición, a actuación do Mago Paco, un obradoiro de curtametraxes, actividades gastronómicas ou propostas orientadas aos máis cativos fan parte tamén desta xeira.
Ligazóns