Bea Lema gaña o Premio Castelao de banda deseñada

É a primeira muller en conseguir este galardón en doce anos do certame

Fragmento da obra premiada
Fragmento da obra premiada
A autora Bea Lema (A Coruña, 1985) é a primeira muller que gaña o premio Banda Deseñada Castelao da Deputación da Coruña. Faino coa súa obra O Corpo de Cristo que se impuxo na edición con máis obras presentadas do certame. Un xurado composto por especialistas en banda deseñada decidiu este mércores que Bea Lema sexa a primeira muller gañadora do Premio Castelao da Deputación da Coruña, o único do xénero no panorama cultural galego ao que se presentaron dezaseis orixinais, o maior número da súa historia. O premio consiste en 6.500 € máis a publicación da obra pola Deputación da Coruña. O xurado valorou a "intensidade dramática sen caer no sentimentalismo" da obra de Lema ademais da "sensibilidade para contar patoloxías mentais desde o punto de vista infantil". A resolución do premio recoñece tamén o valor de O corpo de Cristo á hora de "mostrar a resilencia dunha nena fronte aos problemas adultos" e, en canto o traballo gráfico da obra destaca que a autora prima unha "liña elegante e delicada que transmite atmosferas emocionais moi complexas, apoiándose en metáforas visuais moi intensas e potentes".

Formada como deseñadora de produto pola Universidade da Coruña, Bea Lema comeza a súa traxectoria profesional en 2010 traballando para a firma de cerámica Sargadelos. En 2013 crea, xunto a Xoan Torres, o proxecto Lelédacuca onde realizan obxectos que mesturan o deseño contemporáneo coa artesanía tradicional. Descobre o mundo da ilustración e o cómic a través da nova xeración de debuxantes galegos. A partir dese momento comeza a sentirse atraída por este medio, sendo a súa primeira publicación Pasado ou Futuro?, un mini libro ilustrado premiado premiado pola revista teórica de ilustración Fuera (de) Margen en 2015. Nese mesmo ano é bolseira polo Festival Internacional de Ilustración Ilustratour para participar no proxecto Ilustradanza. En 2015 tamén se publica O Diario de Raquel, ilustrado por ela (texto: Paco Climent, de. Metaforic). Recentemente foi seleccionada no II Concurso Internacional de Ilustración organizado polo festival Valladolid Ilustrado. Na actualidade é socia da cooperativa 7H, desde onde desenvolve o seu traballo en relación ao deseño de produto e a ilustración.

O xurado estivo presidido pola vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei e formaban parte del Emilio Fonseca, gañador da anterior edición pola obra Fóra de marxe, e os autores Xosé Tomás, Natacha Busto e Pablo Auladell que este mércores día 9 decidiron a obra gañadora. Un total de catorce obras competían polo premio Castelao destinado a público adulto, tres máis que na pasada edición, sendo así a convocatoria en que máis traballos se presentaron á convocatoria. O xurado decidiu deixar deserta a convocatoria destinada a público infantil. A resolución, como en anos anteriores, deuse a coñecer este mércores ao tempo que se desenvolve na Coruña o programa Viñetas desde o Atlántico, xa que boa parte do xurado participa tamén na programación do festival do cómic dirixido por Miguelanxo Prado.