A 33 Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia concedeulle onte o seu Premio de Honra Roberto Vidal Bolaño ao mérito nas artes escénicas á compañía Producións Teatrais Excéntricas. Segundo destaca a organización do evento, con este galardón quere "facer un recoñecemento público e solemne ás cuantiosas e cualitativas tarefas que os membros de Excéntricas teñen realizado ao longo dos seus anos de traxectoria profesional en diversos proxectos teatrais ou audiovisuais". Entre estes, o comunicado da MIT destaca o traballo de dirección escénica que desenvolveu Quico Cadaval en proxectos como O ano do cometa, Noite de reis ou Un cranio furado, o labor actoral de Evaristo Calvo e Víctor Mosqueira, tanto de xeito individual como no dúo Mofa e Befa, así como a carreira musical e escénica de Piti Sanz. "Ás proezas escénicas dos membros de Excéntricas, temos que engadir as importantes tarefas de divulgación das artes escénicas en contextos educativos e no exterior", especifica a organización da MIT, que destaca que os membros da compañía "creron e cren no poder da risa, da nosa lingua, no poder liberador do teatro e da fusión e o irmanamento do propio co alleo, para sermos quen".
Producións Teatrais Excéntricas é o selo co cal Mofa e Befa e Quico Cadaval producen e distribúen as súas creacións. Segundo explica a MIT, trátase dunha plataforma "coa que coñecemos a constante pescuda, exploración e requintamento nas estratexias do humor e da oralidade ou da linguaxe musical, por parte de Evaristo Calvo, Quico Cadaval, Víctor Mosqueira ou Piti Sanz. Baixo este paraugas e sen esquecer as importantes tarefas de produción, comunicación e distribución de Rubén G. Pedrero, Excéntricas vénnos ofrecendo diversos formatos escénicos, dende o dúo cómico, os unipersoais ou a valente aposta por espectáculos de maior formato coma esta súa última produción, na que quixeron verse acompañados ademais pola composición musical do Taller Atlántico Contemporáneo".
O acto de entrega celebrarase o vindeiro 15 de xullo, a coincidir coa apertura da Mostra, na Igrexa da Madalena de Ribadavia. A compañía estará presente na clausura do programa a pór en escena a súa adaptación da obra de Valle-Inclán A cabeza do dragón, coa que foron pioneiros en levar ás táboas este autor na nosa lingua.