A Mostra de Ribadavia outórgalle a Cándido Pazó o premio de honra

Recoñece a súa carreira profesional e a súa implicación co teatro galego

O Premio de Honra Roberto Vidal Bolaño, que outorga anualmente a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, foi este ano para Cándido Pazó. A organización da mostra quere recoñecer con este galardón "a actividade dun dos máis destacados profesionais do teatro galego contemporáneo que, xa sendo mozo, experimentou activamente este movemento de modernización, debate e reivindicación, ás veces clandestina, da creación escénica en lingua galega, que supuxeron as Mostras de Ribadavia". O festival celébrase este ano entre o 19 e o 26 de xullo.

ACTA DO PREMIO DE HONRA “ROBERTO VIDAL BOLAÑO”, CONCEDIDO POLA MIT RIBADAVIA AO MÉRITO NAS ARTES ESCÉNICAS

A MIT Ribadavia, no 30 aniversario e coas recentes sensacións de solidariedade, inconformismo e afouteza que nos deixou a conmemoración dos 40 anos da 1º Mostra Abrente, recoñece a actividade dun dos máis destacados profesionais do teatro galego contemporáneo que, xa sendo mozo, experimentou activamente este movemento de modernización, debate e reivindicación, ás veces clandestina, da creación escénica en lingua galega, que supuxeron as Mostras de Ribadavia. Para moitos, Pazó, como benxamín daquela xeración do teatro independente galego, foi afianzando o seu traballo escénico a través do ámbito específico na comedia bufonesca, no clown ou na commedia dell’arte, ademais da práctica na compañía A Farándula de Vigo, da que foi cofundador, e do autodidactismo, trazo xeral daquel conxunto de artistas con ansias de renovación e liberdade en todas as vertentes, que se reunían nos espazos máis insólitos da emerxente Ribadavia escénica para pular por un novo discurso e novas formas escénicas.
Cándido Pazó é hoxe, ademais dun destacado representante da arte da oralidade, un dos dramaturgos máis prolixos a pé do escenario, analítico coa realidade circundante e coa historia e moi aplaudido polo público. En Ribadavia, concretamente, déronse cita moitos dos seus máis premiados espectáculos, dende Commedia, un xoguete para Goldoni, no ano 93, pasando por García (Teatro do Adro, 2007), A piragua ou As do peixe, ambas con Abrapalabra Creacións e sendo esta última peza, inspirada na vida e nas relacións laborais das traballadoras das conservas, a que conseguiu o Premio do Público ao mellor espectáculo na pasada edición deste festival.
Na produción dramática de Pazó destacan igualmente pezas para o público infantil, coma Ra,ra,ra ou o máis recente A casa do avó, escrita e dirixida para a compañía Tanxarina títeres, coa que habitualmente tamén traballa. A importancia da comunicación verbal, do poder da palabra e da ironía, da sonoridade evocativa e das historias máis sorprendentes ou mesmo por veces absurdas, son trazos que tamén se poden atopar na súa destacable produción dramática infantil.
Neste ano especial, a MIT quere de maneira simbólica e ampla, recordar á cidadanía galega a traxectoria e os oficios dun cómico viaxeiro que percorre terras e paisaxes, teatros e estaribeles, para traer e levar contos, monólogos, ou para deixarnos pezas escritas á beira do amor, do respecto e da riqueza creativa da nosa lingua galega, sabéndonos facer e sentir únicos e ao mesmo tempo universais.

Ribadavia, xullo de 2014