Pendente a súa publicación no Diario Oficial de Galicia, a Xunta está a ultimar a inclusión no Catálogo de Árbores Senlleiras do Souto da Ruibal. Este conxunto de árbores, moi vencellado á biografía e á obra do poeta Uxío Novoneyra e que está anexo á súa casa en Parada do Courel, inclúe 53 exemplares cunha idade de entre 300 e 400 anos. A solicitude partiu da propia Fundación Uxío Novoneyra, que promoveu a cooperativa Dos Eidos para explotar e custodiar este espazo, do que destaca que "conserva non só excelentes exemplares de árbores centenarios se non que conta tamén con exemplos da tradición cultural e etnográfica, ligada coa importancia que ten a castaña nesta serra coma base da dieta tradicional humana e porcina". Ademais, apunta que o lugar "ten tamén grande importancia cultural, en canto a patrimonio literario, pois está ligado á figura de autores como Uxio Novoneyra, Carlos Oroza e María Mariño, tendo ademais presenza na obra e na vida deles, e na obra doutros literatos, pintores e artistas, como Virxilio ou Quessada, Manuel María e Ramón Piñeiro, que visitaron este souto en repetidas ocasións".