A Deputación de Pontevedra achegará 524.000 para recuperar o Castelo de Sobroso

A actuación na fortaleza e na súa contorna son pasos previos para musealización do conxunto

29/6/2017 | Santiago. Redacción | Seccións: Patrimonio
Compartir:

O Castelo de Sobroso, en Ponteareas, sufrirá ao longo dos vindeiros meses importantes traballos de mellora como un paso previo á súa musealización, prevista para 2018. A Deputación de Pontevedra e o Concello de Ponteareas asinaban onte un convenio polo que a primeira destas entidades achegará unha partida de 383.822 euros a obras de conservación e mantemento, limpeza, reparación da edificación, renovación da iluminación, das instalacións e das carpinterías de madeira, segundo sinalaba onte Carmela Silva, presidenta da Deputación. Canda a esta, a entidade provincial destinou previamente outra partida para á mellora do bosque Atlántico que circunda este monumento. Neste caso, as actuacións procurarán naturalizar "o entorno forestal dos xardíns do recinto a través da retirada de especies invasoras, sobre todo acacias" e crear unha senda circular que permitirá coñecer as árbores presentes no lugar.

A suma das actuacións previstas rolda os 524.000 euros ao longo de 2017, segundo informou a propia Deputación. Estes investimentos son o paso previo para as actuacións de musealización do recinto, previstas para 2018, cos que se pretende "convertelo nun centro de atracción turística, cheo de contido e vertebrado arredor da cultura e da natureza", segundo explicou Silva.

Que che parece esta nova?
37 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Castelo, Deputación de Pontevedra, Pontevedra, Ponteareas...