Nace a Plataforma pola Defensa de Monte Neme

O novo colectivo reivindica a importancia natural e patrimonial deste espazo

28/6/2017 | Santiago. Redacción | Seccións: patrimoniomediosociedade
40 lecturas | Compartido 0 veces

Un grupo de asociacións veciñais, culturais, ambientais e deportivas de Carballo e de Malpica acaban de presentar a Plataforma pola Defensa de Monte Neme. O novo organismo nace coa intención de "poñer en valor o patrimonio arqueolóxico, industrial e cultural, tamén inmaterial (testemuños, toponimia e lendas) e facer unha proxección de futuro e recoller os valores e desexos da cidadanía de cara a posibles actuacións futuras no entorno, para que o Monte Neme poida converterse, ou se poida recuperar e ser de novo, como xa foi en tempos pasados, un símbolo e espazo de referencia sociocultural da zona", segundo recolle o xornal Que pasa na costa. A ruptura hai tres anos dunha balsa tóxica da antiga explotación mineira, o abandono da zona e o recente destrozo da reprodución simbólica do cromlech que existiu no lugar serviron de espoleta para a creación da nova plataforma.

Polo momento, a proposta está aberta a novas incorporacións e ten entre os seus proxectos máis inmediatos desenvolver un web propio e, de cara ao futuro, "ademais da actividade reivindicativa e de concienciación da súa situación, esperase levar a cabo actividades de coñecemento do monte de primeira man e interpretación do patrimonio e proxectos de coñecemento e recuperación da memoria colectiva do monte".


Universo culturagalega.gal

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Asociacións, Malpica, Carballo, Arqueoloxía

Claves

Lugares