Cinco tesouros nos Sete Camiños

20 asociacións culturais únense para reivindicar o valor cultural do Monte Pornedo

Foto: ENAC7C
Foto: ENAC7C
Máis de vinte asociacións socioculturais e veciñais de Pontevedra, Marín e Vilaboa uníronse na creación do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños. Unha iniciativa que tenta poñer en valor o rico e diverso patrimonio cultural do Monte Pornedo, no Morrazo, e frear as agresións que está a sufrir todo o espazo. Pedísmolle ao voceiro da comisión técnica do Espazo, o arqueólogo Lukas Santiago, que nos seleccionara cinco sitios arqueolóxicos representativos do monte.

Aínda que o patrimonio arqueolóxico do Monte Pornedo é moi amplo, o arqueólogo e realizador audiovisual Lukas Santiago seleccionou cinco xacementos de distintas épocas da Historia de Galicia localizados no Monte Pornedo, que presentamos de seguido cos seus comentarios.



1. Abrigo rochoso da Campá.
E un abrigo natural que nós suponemos que sería un xacemento paleolítico pero non temos ningunha proba. É un abrigo moi bonito e funcional, porque te dá protección, que suponemos que foi aproveitado ao longo do tempo como refuxio natural. Mesmo hoxendía ves restos antrópicos, como unha especie de pedras colocadas ao fondo.



2. Mámoa de Catadoiro.
Hoxe por hoxe é a única que temos localizada dentro do espazo, pero ata hai dous anos, en teoría existían catro. Unha delas, a mámoa de Louredo, foi totalmente destruída polos militares da Brigada Lixeira Aerotransportable (BRILAT) para construír unha aldea afgá simulada. Aos militaries nunca se lles pediu contas. As outras dúas mámoas, coñecidas como as mámoas do Chan das Lagoas, están aínda sen localizar nunha zona de mato, o cal implica que corren perigo porque poden ser danadas involuntariamente durante traballos forestais ou doutro tipo. Esta mámoa do Catadoiro é todo un exemplo do que acontece coas alegacións que presentas sobre espazos patrimoniais. No 2003 a Comunidade de Montes de Lourizán alegou a Patrimonio que unha liña de alta tensión ía pasar por enriba da mámoa pero non se lles fixo caso. Hoxe a liña de alta tensión pasa por aí.



3. Conxunto rupestre de Regato dos Buratos / Outeiro da Mina
É o máis impresionante, o máis rico de todos os petroglifos que están dentro do espazo arqueolóxico e un dos máis importantes do concello de Pontevedra. É o que máis cantidade e variedade de estacións ten, nove distintas: desde círculos concéntricos, círculos con coviñas ata un antropomorfo. Nunha delas, a Pedra do Fundamento, podemos ver moitas coviñas, e unhas en concreto están aliñadas cunha forma serpentiforme. Este petroglifo está dentro da área da BRILAT e tivo varias afeccións por parte das obras dos militares.



4. Petróglifo de Cachada do Vello.
Esta estación é moi interesante. O petroglifo x afora referenciado no seu momento por Murguía e Antonio de la Peña Santos chegou a dalo por desaparecido. Pero hai uns meses, un dos membros da comisión, Rafa Quintía, localizouno nunha zona empregada como canteira. Este anaco forma parte dun muro e logo localizou o resto da estación.



5. Petroglifo de Pumariño, tamén chamado por Heraclio.
Para que vexades a variedade de elementos que temos no monte Pornedo, este a diferencia do resto ten unha cronoloxía da Idade Media. E cambia o soporte, unha pedra de xisto no canto de granito, e despois destaca os motivos. Son dous motivos: un deles é antropomorfo e resulta moi curioso. Ten un casco con cornos e está armado. O outro é máis difícil de interpretar.