Galicia Escena Pro segue en movemento

A feira das artes escénicas elimina o formato showcase na súa quinta edición

A feira das artes escénicas elimina o formato showcase na súa quinta edición
O Salón Teatro de Compostela acollía esta mesma mañá a presentación da quinta edición de Galicia Escena Pro. A feira de artes escénicas desembarcará a vindeira semana na capital galega con novidades no seu formato e 19 obras íntegras para programadores e público xeral. A desaparición dos showcases preséntase como principal novidade da nova xeira, que se desenvolverá entre o 12 e o 15 de xuño.

Naceu como unha reformulación da antiga Mostra das Artes Escénicas. O pasado ano mudou as datas de celebración, do outono á primavera, para favorecer a contratación de espectáculos, e comezou a integrar compañías foráneas no seu programa. Non foron estas as últimas modificacións que ía sufrir Galicia Escena Pro. A Feira das Artes Escénicas chega este ano cunha importante redución no número de compañías participantes, de 37 a 29 nos distintos formatos, resultado de eliminar as presentacións de tipo showcase para programadores. Pola outra banda, haberá tres espectáculos íntegros máis dispoñibles para público e profesionais en Compostela, ata un total de 17 proxectos galegos e dous chegados de Castela e León. A maiores, un concerto na Casa das Crechas completa o programa escénico. Entre o vindeiro 12 e 15 de xuño a cidade acolle a quinta edición do escaparate das nosas artes escénicas.

A fin do showcase
Jacobo Sutil, director da Agadic, explica as mudanzas desta edición a lembrar que "hai cinco anos puxemos en marcha a feira cun número inferior de espectáculos, e introducimos algo que tanto nós como algúns programadores viamos como algo interesante que era o formato showcase. Nas primeiras edicións funcionou moi ben a nivel de contratación, pero nos últimos dous anos vimos non ía tan ben, pode que por falta de adaptación das compañías ao formato ou porque non lles gusta a algúns programadores. Entón desta volta optamos por dedicar o tempo en que se programaban os showcases a espectáculos completos". Belén Pichel, presidenta de Escena Galega sinalaba na presentación do evento que desde o seu colectivo "fixemos unha enquisa a compañías e programadores para ver a súa valoración do formato, que sempre foi moi polémico. A facer autocrítica, penso que había unha falta de preparación das compañías para saber como afrontar os showcases. Vimos tamén os resultados de contratación dos mesmos e vimos que era mínima. De feito as compañías estaban máis a desgusto cos resultados do formato do que os programadores. Entón foi unha decisión da organización que pensamos que ao mellor se pode retomar no futuro pero con outra perspectiva e, sobre todo, cunha mellor formación das compañías". Manuel Freire, responsable de programación do Auditorio Municipal de Ourense e membro da comisión de selección do festival sinalaba tamén na rolda que "os programadores preferimos ver un espectáculo completo do que un anaquiño da obra, que poida que nin sequera sexa o mellor ou non represente ben a montaxe. Un showcase hai que o preparar, pódese facer de moitos xeitos, pero ten que ser máis do que as compañías de aquí nos estaban achegar aos programadores. Non ten por que ser só un anaco da obra. Pode levar un audiovisual, unha presentación do director ou outros contidos". "Normalmente o que se facía era unicamente pór vinte minutos da obra, e iso pode ficar nesgado ou xerar unha visión equivocada no programador", explicaba Pichel na presentación do festival.

Pitching
Se ben esta mudanza podería entenderse como unha maior orientación do evento de cara ao público xeral, esta quinta edición da feira mantén o seu o apartado de pitching, no que as compañías poderán presentar os seus proxectos en curso aos programadores e que, segundo a organización, presenta unha boa aceptación nos dous sectores. Segundo explicaba Belén Pichel "é un formato máis directo, no que alguén da compañía explica en sete minutos que intención teñen ao montar o espectáculo. Tamén hai que o preparar, pode ir tamén cun audiovisual pero resulta máis sinxelo e os programadores pódense facer unha idea das obras case mellor". A posibilidade de explorar o interese dos programadores con proxectos en desenvolvemento, sen a necesidade de montar unha obra completa nin de ter preparados aspectos como a iluminación, a escenografía ou o vestiario, semella convencer a moitas compañías do país. En total, presentáronse para participar no evento un total de 68 propostas para a exhibición de espectáculos completos e 27 para as sesións pitching.

Sobre o escenario e fóra do escenario
Entre as obras que se poderán ver no evento, atópanse espectáculos que xa tiveron un bo percorrido polos escenarios do país ao longo desta temporada. Helena: xuízo a unha lurpia, de Teatro do Atlántico, Normas para saber vivir na sociedade actual, de Sarabela, Resaca, de IlMaquinario, Ubú Rei, de Talía, Pum Pum!, de Baobab Teatro ou Ulises e a nena durmida. Segunda travesía, de Ánxela Blanco, son algunhas das que están presentes no programa. Como é habitual, serán catro espazos composteláns, o Auditorio Abanca, a Fundación SGAE, o Salón Teatro e o Teatro Principal ,os que acollerán as diferentes actividades do encontro. Para alén das representacións, o programa inclúe encontros diarios dos profesionais asistentes, xuntanzas de asociacións do sector e presentacións como a da plataforma Chivatos e a da XX Feira de Teatro de Castela e León. Alén do escénico, Píscore achega a ambientación musical co seu Concerto singular (e plural) que se poderá ver na Casa das Crechas.

Intercambios
Precisamente o convenio de colaboración que mantén o encontro galego con este evento permite un intercambio que trae a este Galicia Escena Pro dúas compañías da comunidade veciña e dous grupos do país que devolverán a visita. Segundo explica Sutil, "a feira é máis do que se representa nos escenarios. Penso que a parte máis positiva son os encontros á hora de xantar, nun ambiente máis informal. Este supón un espazo único no calendario anual para reunir programadores e compañías. Alí coméntanse os proxectos e mesmo se venden". En total, 160 profesionais do sector, uns corenta máis do que o pasado ano, segundo sinalou o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez na rolda de prensa de presentación do evento, participan da iniciativa. Entre eles, atópanse representantes de fóra do país como os da Rede Española de Teatros, Auditorios, Circuítos e Festivais de Titularidade Pública, da Feira de Teatro de Castela e León, do Centro Niemeyer de Avilés, da rede vasca de teatros Sarea, do Centro de Artes Escénicas e Música de Extremadura, do festival portugués ContraDANÇA, do Institut de la Llengua i la Cultura de Baleares ou da Axencia Andaluza de Institución Culturais. A maiores, e da man de Escena Galega, aproveitouse o evento para convidar o asesor de Cultura do Concello de Barcelona Xavier Marsé a coñecer o panorama galego. Desde Escena Galega amósanse satisfeitos pola apertura ao exterior iniciada polo evento no pasado ano con Euskadi e que continúa nesta edición con Castela e León. "Penso que a presenza do País Vasco o ano pasado xa deu froitos. Estamos a ver que xa comeza a ser habitual que as compañías galegas vaian actuar ao País Vasco con normalidade. Celebramos este convenio coa feira de Ciudad Rodrigo e agardamos que isto teña continuidade, non só con este evento", explica Belén Pichel. "Penso que Galicia e as compañías galegas están nun momento excelente de creatividade, e proba disto son os premios que levaron Baobab o Ibuprofeno en Ciudad Rodrigo ou as candidaturas desta última compañía aos Premios Max. A proxección exterior da compañías galegas comeza a ser importante".

As datas
Precisamente esa proxección exterior está a determinar en boa medida a elección de datas para o festival. Desta volta o programa desenvólvese por segunda vez no mes de xuño, aínda que nesta xeira unha semana máis tarde que en 2016. O Galicia Escena Pro continúa a procurar o seu oco nun panorama de feiras teatrais a nivel estatal no que non é sinxelo singularizarse. "O calendario está repleto. Cando facíamos a feira en novembro coincidíanos cada dous anos co Mercartes, e entón moitas das compañías e programadores estan fóra. Decidimos mudalo, e o ano pasado coincidiu cun programa do INAEM en Almagro, e entón escollemos esta semana, que é xusto antes de fechar a contratación para o segundo semestre", explica Sutil.

Programadores
En xeral, e segundo asegura o director da Agadic, a organización está satisfeita coas cifras de contratación que se derivan da feiral. "Posiblemente haxa moitos teatros que nesta altura xa teñan fechada a súa programación para o vindeiro semestre, e só poidan atopar na feira propostas para o vindeiro ano, pero hai moita variedade si que haberá programadores que contraten para esta temporada. En xeral estamos contentos co funcionamento da feira. Dos espectáculos que participaron o ano pasado, por exemplo, houbo algúns que tiveron vinte bolos, outros chegaron a quince e houbo algúns que non conseguiron ningún. É unha aposta, os programadores van ver o que hai e podes gustarlles ou non e depende tamén das súas posibilidades económicas e do público ao que se dirixen". Para o sector dos programadores do país para Manuel Freire este evento "ten unha importancia fundamental, sobre todo en dous ámbitos. Por unha banda polo que supón como espazo de encontro. Permítenos vernos e intercambiar opinións sobre problemáticas e comentamos cousas. Pola outra banda, supón unha oportunidade de coñecer un lote de estreas e de novas montaxes. Penso que o programa resulta moi completo, con todo tipo de actividades e no que se mesturan compañías cunha longa traxectoria con outras que están a despuntar ou que mesmo chegan coa súa primeira montaxe. O que precisamos é que este tipo de feiras se continúen mantendo para podermos ter ese punto onde ir ver cousas".

Futuros
Como cuestións pendentes para o futuro do evento, Sutil sinala o obxectivo de abrir máis a feira ao mercado exterior. Nesa liña salienta o interese e continuar o intercambio que facilita a presenza na feira de espectáculos foráneos, ou apunta que "temos que ser capaces de atraer programadores de fóra e conseguir que se incremente a contratación de espectáculos galegos fóra de Galicia. E sempre de acordo coas compañías, que son as que teñen máis interese desa apertura". Polo momento, e de cara ao público, a vindeira semana hai unha boa ocasión para coñecer unha boa mostra do teatro galego máis actual, e de balde, en Compostela.