O catálogo de Libros infantís e xuvenís de Galicia 2017 reúne máis de 100 títulos

A publicación representa a partir de hoxes as nosas letras na Feira de Boloña

O catálogo que representará a produción para o público máis novo da literatura galega xa está dispoñible na rede. O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o presidente de Gálix, Xosé A. Perozo; o vicepresidente da Asociación Galega de Editores, Henrique Alvarellos; o presidente da Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI), Sergio Covelo; e a ilustradora Nuria Díaz presentaban o volume o pasado venres, pouco antes do Día do Libro Infantil e Xuvenil que se celebra cada ano o 2 de abril. O novo catálogo, que achegará en galego, español e inglés a produción do país neste ámbito ás feiras internacionais, recolle un total de 109 títulos publicados no último ano por 23 entidades diferentes.


A Feira de Boloña, que comeza hoxe, será a primeira parada internacional da publicación. No evento, principal dedicado á literatura infantil e xuvenil do mundo, Galicia está presente cun posto no que se darán a coñecer as novidades de Hércules de Ediciones, de Baía Edicións, de Edicións Xerais de Galicia, de Urco Editora, da Editorial Galaxia, de Alvarellos Editora, de Kalandraka Editora, de Ediciones Bolanda, de Nova Galicia Edicións, de OQO editora e de Bululú Editorial. Ademais, os ilustradores Nuria Díaz e Santy Gutiérrez realizarán obradoiros no espazo e unha exposición dará a coñecer o traballo de outros creadores gráficos do país.