A gran festa do teatro repartiu os seus galardóns

Eroski Paraíso e O Tolleito de Inishmaan acumularon os premios María Casares nun ambiente de humor e reivindicación

<i>Eroski Paraíso</i> e <i>O Tolleito de Inishmaan</i>  acumularon os premios María Casares nun ambiente de humor e reivindicación
Actuación na gala dos XXI Premios María Casares do Teatro Galego. Foto: S. Montes
A noite comezou máis que ben para O Tolleito de Inishman e acabou instalada no supermercado de Eroski Paraíso dos Chévere. A gran festa do teatro en Galicia celebrouse no Teatro Rosalía de Castro da Coruña co carácter que cumpría para o evento e con gran parte do sector escénico reunido nas butacas agardando coñecer o destino das xerras de María Casares. A elección do humorista e actor Pepo Suevos para dirixir e conducir a gala demostrouse acertada ao ser capaz este de achegar as doses de ritmo e humor que se precisaba para o ambiente festivo demostrando que a intelixencia na risa comeza por saber rir dun mesmo para despois pousar esa mirada sobre o resto. O evento foise facendo a ritmo de música latina interpretada en directo por un combo para a ocasión, como xa pasara na gala do audiovisual, e contando cun grupo de actores e actrices seleccionadas para o espectáculo que tanto cantaban e bailaban como ían desenvolvendo as escenas dunha trama por partes na que o se satirizaba sobre o controvertido procedemento de formación de elencos do Centro Dramático Galego, o funcionamento interno da administración, ou a chegada dos textos traducidos de Valle-Inclán á escena galega, sen esquecer unha necesaria dose de sátira autocrítica sobre a negociación do convenio colectivo do teatro.

No reparto dos premios reflectiuse a imaxe que xa deixaban ver as candidaturas finalistas, destacando O Tolleito de Inishmaan e Eroski Paraiso. O Tolleito de Inishmaan, gran favorito con once candidaturas levou finalmente cinco das xerras, resultando claramente recoñecidos nos apartados da interpretación polos premios ao seu actor protagonista, Santi Romay, a unha das dúas actrices secundarias finalistas, María Roja e a Evaristo calvo como mellor actor secundario. Agás diso a obra do dramaturgo irlandés Martin McDonagh, dirixida por Cándido Pazó para Contraproducións, acadou tamén o premio á mellor Adaptación /Tradución dun texto a cargo do propio director, do actor protagonista e máis Alberto Rodríguez; o recoñecemento a Alfonso Castro, pola iluminación, completou o palmarés da obra. Eroski Paraíso comezou a aparecer polo atril dos premios co María Casares á mellor música orixinal que pasaron a recoller integrantes da banda Terbutalina e remataron a noite levando tres máis seguidos: Patricia de Lorenzo á mellor actriz protagonista, Xesús Rón na mellor dirección e finalmente o recoñecemento á obra en conxunto como mellor espectáculo do ano 2016 do teatro galego.

Voaxa e Carmín , a obra protagonizada por Mabel Rivera e Belén Constenla baseada ana historia das "Marías" de Compostela, acadou dúas xerras nas categorías de Vestiario e Maquillaxe. Raclette, de Ibuprofeno Teatro, aspiraba a cinco galardóns , o seu director e autor Santiago Cortegoso puido recoller o da autoría, como Mellor Texto orixinal, categoría na que tamén é finalista pola mesma obra nos Premios Max de Artes escénicas que organiza a Fundación SGAE . A Danza da choiva da compañía Elefante Elegante foi a vencedora na categoría de Mellor espectáculo Infantil do 2016. Finalmente o premio á mellor escenografía foi para Carlos Alonso, por Foucellas de Talía Teatro. Practicamente todos os espectáculos premiados aínda poden verse en xira por algunhas salas do país.


Discursos e reivindicacións

A dispoñibilidade dun foro como este nunca é desaproveitada por un sector inquieto e sensible como é a escena teatral para facerse escoitar en chamamentos ou protestas así como en lembranzas ou agradecementos. Ademais da prevista lectura do Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro a cargo da dramaturga e actriz Inma António, que xa se dera a coñecer o pasado luns co gallo da efeméride, a gala acolleu outros dous discursos previstos e varias achegas por parte de premiadas e premiados.

Na quenda de benvida desta vixésima primeira edición dos galardóns teatrais foi Ernesto Chao, Presidente da Asociación de Actores e Actrices de Galicia, quen como máximo representante da entidade organizadora dos premios tomou a palabra desde o centro do escenario para facer un discurso no que quixo facer "agradecemento, felicitación, crítica e reivindicación" . Chao centrou grande parte da súa exposición na reivindicación da necesaria igualdade entre mulleres e homes dentro da actividade teatral, xa non só desde unha perspectiva cuantitativa dentro dos elencos – "calcúlase que no reparto dunha obra os papeis femininos oscila entre o 25 e o 30 por cento"-, senón reivindicando tamén unha igualdade cualitativa respecto a visibilidade en papeis protagonistas e roles de importancia nas obras a representar. O presidente da asociación de intérpretes fixo un chamamento "aos guionistas, aos directores e directoras, aos dramaturgos e dramaturgas para que pensen nas mulleres á hora de facer o seu traballo". Concluíu lembrando as obras do cineasta Pedro Almodovar, un exemplo para el do que se pode facer creando papeis femininos importantes e representativos. Ernesto Chao tamén tivo palabras para facer unha autocrítica da profesión de intérprete dese a perspectiva daqueles que traballan rebaixando os salarios . "O deber dun actor é respectarse, valorarse a sí mesmo" dixo lembrando a existencia de dous convenios vixente reguladores das condicións laborais, o do Teatro e o do Audiovisual, "cada vez que un actor rompe estes convenios estase infravalorando" , asegurou.

Emotivo foi o discurso do director e dramaturgo Eduardo Alonso ao recibir das mans da súa propia filla a xerra correspondente ao Premio de Honra Marisa Soto co que o colectivo homenaxea a traxectoria de quen foi primeiro director do Centro Dramático Galego e que fundou fai trinta anos, xunto a actriz Luma Gómez, Teatro do Noroeste. Se ben Alonso dedicou parte do seu momento no atril ás lembranzas dos inicios, xunto á actriz que dá nome ao premio, tamén tivo o seu momento reivindicativo acorde a algunhas das declaración críticas cara a administración cultural galega feitas nas súas últimas entrevistas co gallo da concesión do galardón. O dramaturgo achacoulle ao conselleiro do ramo cultural, Román Rodríguez presente no acto, que "teña pouco tempo para as artes escénicas" polo tempo que segundo el lle quitan as materias de Educación e Ordenación Universitaria que tamén lle competen. E pediulle que fixera caso "aos que saben de artes escénicas, i os que saben son os profesionais das artes escénicas", dixo entre aplausos.

Moitas foron as mensaxes lanzadas desde o atril na recollida de premios, case todas de agradecemento como é habitual pero tamén houbo tempo para outras. O director Cándido Pazó dedicou "á nosa lingua" o premio acadado pola tradución e adaptación de O Tolleito de Inishmaan. María Torres e Gonçalo Guerreiro aproveitaron o seu momento recollendo a xerra polo mellor espectáculo infantil para Danza da Choiva para lanzar un chamamento de concienciación medioambiental e as condicións de vida dalgúns pobos en lugares onde a auga é un ben escaso, tema do que trata a súa obra. Santiago Cortegoso falou da indiferencia que sofren os autores teatrais e da necesidade de ver as súas obras postas sobre os escenarios e da interactuación do escritor con actores e público. O galardoado autor saudou a creación da asociación DramaturGa como ferramenta para visibilizar o traballo autoral. Especialmente lúcida e clara foi a intervención de Xesús Ron, de Chévere Teatro, ao recoller o premio á mellor dirección, cando expresou entre outras cousas o desexo de que para o seguinte ano a gala se emitise en directo pola televisión pública e non en diferido fóra do 'prime time' coma nesta ocasión. Ron tamén chamou á necesidade dun "pacto" entre o colectivo profesional e a administración pública para resolver algúns dos problemas que están suscitar controversia e responder ás necesidades de supervivencia e evolución do teatro galego que está, segundo o director “nun momento álxido de calidade”. Xesús Ron tamén chamou a poñer xa na axenda política a tramitación da proposta de Lei das Artes Escénicas elaborada en consenso de todo o sector e presentada ante todas as forzas do Parlamento de Galicia en abril do pasado ano e a subir o orzamento dedicado ao Centro Dramático Galego. En declaracións a este medio, Fefa Noia, directora do Centro Dramático Galego entidade que estaba no centro dalgunhas das críticas, considerou que tanto o ton como os contidos de todas as reivindicacións e as bromas cargo os temas controvertidos coa administración foron tratados "moi axeitadamente". "O humor é moi necesario –dixo a directiva- e a reivindicación de fondo que trae o humor consigo ten toda a razón de ser. O diálogo é imprescindible. O que falou Xesús Ron na súa intervención. O pacto é necesario. O que temos que facer todo é facer unión e traballar todos polo porvir do teatro, por melloralo."



OS RESULTADOS: (entre parénteses o número de premios acadados):

-O tolleito de Inishmaan, de Contraproducións e Fiot Carballo (5): mellor iluminación (Afonso Castro), mellor adaptación/tradución (Cándido Pazó, Santi Romay, Alberto Rodríguez), mellor actriz secundaria (María Roja), mellor actor secundario (Evaristo Calvo), mellor actor protagonista (Santi Romay)

-Eroski Paraíso, de Chévere (4): mellor música orixinal (Terbutalina), mellor actriz protagonista (Patricia de Lorenzo), mellor dirección (Xron) e mellor espectáculo.

-Voaxa e Carmín, de ButacaZero e Eme2 (2): mellor maquillaxe (Trini F. Silva) e mellor vestiario (Mari Seoane)

-Danza da choiva, de Elefante Elegante (1): mellor espectáculo infantil

-Foucellas, de Talía Teatro (1): mellor escenografía (Dani Trillo)

-Raclette, de Ibuprofeno Teatro (1): mellor texto orixinal (Santiago Cortegoso)