Obradoiro/Santillana desembarca na literatura infantil e xuvenil co selo Oqueleo

O novo proxecto presenta 22 títulos de autores galegos e foráneos no seu primeiro mes

Un total de 22 títulos, dos cales 16 son de autores galegos, compoñen o importante desembarco co que se presenta o novo selo literario Oqueleo. A editorial Santillana, a través da súa filial galega Obradoiro está detrás desta proposta de literatura infantil e xuvenil, que conta con coleccións irmás en español (Loqueleo, nada en 2015), catalán (Jollibre) e, en breve, éuscaro (Begiko). Segundo explicou Ana Guerra, responsable de Obradoiro, a colección "era necesaria, xa que non contabamos cun proxecto literario forte" para estas idades, ao estar as editoras centradas no ámbito educativo. A colección conta con 5 liñas, a primeira delas orientada para lectores a partir de seis anos e última, xuvenil, pensada para os que teñen catorce ou máis.



A partir da primeira semana de abril estarán dispoñibles os primeiros quinte títulos, e na segunda quincena do mes, outros 7. Neses lanzamentos iniciais atópanse versións en galego de clásicos como Matilda de Roald Dahl, Momo e A historia interminable de Michael Ende ou tres volumes da serie O Nicosaliño de Sempé e Goscinny. Canda a eles, unha nutrida presenza de autores do país fai parte desta estrea, con nomes como Xabier P. Docampo, Paula Carballeira, María Canosa, Jaureguizar, Xabier Estévez, Hector Cajaraville ou Kike Gómez entre outros. Polo momento no está prevista a tradución das obras dos creadores do país a outras linguas da colección.

Logo do encontro cos medios que se realizou esta mañá na sede do Consello da Cultura Galega, o novo proxecto terá a súa presentación pública nun acto que se desenvolverá esta mesma tarde a partir das 19 horas no Teatro Principal de Compostela. A cantante Ses, a contacontos e autora Paula Carballeira e os escritores Xabier Docampo e María Canosa participarán no evento.
Ligazóns