Cadaval propón a representación de Valle-Inclán ''como unha festa, non unha fazaña histórica''

A cabeza do dragón estréase este venres no Salón Teatro de Compostela

<i>A cabeza do dragón</i> estréase este venres no Salón Teatro de Compostela
Dramatización durante a presentación da obra, ante Martiño Noriega e Jacobo Sutil. Foto: S. Montes
"A min iso impórtame nada. -asegurou categórico Víctor Mosqueira ao ser preguntado ante as implicacións do feito de representar a Valle-Inclán por vez primeira en galego nun escenario- Sexa Valle ou sexa Shakespeare a min tanto me dá. A mecánica é igual que ante calquera outro papel". "O que non era normal era non poder representalo todos estes anos en galego", engadiu Patricia Vázquez. Os dous actores forman parte do amplo elenco de A cabeza da dragón a obra de Ramón del Valle-Inclán que presenta Producións excéntricas e estrea esta semana no Teatro principal de Santiago. O director, actor e dramaturgo Quico Cadaval presentouna hoxe aos medios acompañado do alcalde de Santiago, Martiño Noriega e o director da AGADIC, Jacobo Sutil sobre o escenario da sala onde este venres se porá en escena por vez primeira en galego no teatro profesional unha obra do autor arousán. "Nós plantexámolo como unha festa, non como unha fazaña histórica", comentou Cadaval. Durante o acto tamén se presentou a Banda Sonora Orixinal creada por Javier María López e interpretada polo Taller Atlántico Contemporáneo.

En A cabeza do dragón un príncipe, Verdemar, foxe do reino materno por ter desobedecido ao rei, seu pai. No seu camiñar vai dar ao reino de Micomicón, que está a tremer baixo o alento fétido do dragón que esixe que se lle entregue a princesa para salvar a vida e facendas do reino. Ocultando a súa identidade Verdemar mata o dragón e desaparece, un bandido finxe ser o heroe e reclama o premio da man da princesa e a coroa, pero un Duende intervén no asunto. Segundo o director da obra, é un conto infantil con príncipes, dragóns, princesas, bufóns, bandidos ambiciosos, "minuciosamente dinamitado" polo autor facendo comentarios sobre a monarquía, a corrupción e a violencia. Valle-Inclán introduce nunha fábula clásica elementos actuais, crítica social, brincadeiras políticas, anacronismos argumentais creando unha farsa do grotesco contemporáneo acorde co seu esperpéntica visión do social. "Nós procuramos que esas cargas exploten nos sitios e nos momentos axeitados", comentou Cadaval.


Desde a estrea ata finais de maio a obra xa ten confirmadas case vinte e cinco representacións por todo o país, incluíndo a estrea en Portugal no Teatro Municipal de Matosinhos o 20 de maio. "Houbo moita xente traballando por debaixo do seu caché habitual para poder estar nesta produción", asegurou Cadaval, "Tiñamos moita prevención ao montar este espectáculo porque ao haber máis artistas encarécese i entón dadas as dificultades ou a falta de compromiso de moitos lugares que si contan á peseta, tiñamos o perigo de facer todo este esforzo e non ter espectáculos", dixo, pero recoñeceu que a combinación dun elenco atractivo máis a polémica sobre o autor acadou unha resposta "moi boa". A cabeza do dragón estréase este veres en Santiago onde terá seis representacións ata o 11 de marzo, pasando despois ao Teatro Colón da Coruña os días 17 e 18 de marzo.