A II edición da Semana da BD achegará unha mostra por 19 concellos.

A Semana da Banda percorre Galicia

5/4/2001 | Santiago. Redacción | Seccións: Arte
21 lecturas | Compartido 0 veces
Está en marcha a segunda edición da Semana da Banda Deseñada que achegará, ata fin de ano, unha mostra da novena arte por dezanove concellos.
A Semana inclúese dentro dos actos do programa "¿Que vas facer no 2001?" da Dirección Xeral de Xuventude da Xunta de Galicia.

As actividades que se realizarán no marco desta semana inclúen catro exposicións de autores galegos. En concreto amosarase o traballo de Primitivo Marcos na serie "Aventura no camiño de Santiago". Tamén se poderán ver páxinas do "Cita na Habana" de Fran Jaraba, os deseños de Miguelanxo Prado para a serie de animación "Os Vixilantes do Camiño" e os traballos premiados na última edición do Certame Galego de Imaxe Artística-Banda Deseñada. Ademais destas exposicións realizaranse presentacións de películas de animación coma "Os vixilantes do camiño".

Ademais das exposicións realizarse un obradoiro de banda deseñada e un concurso patrocinado polas revistas "¡Dibus!" e "¡Dibucómics!", feitas en Barcelona e a galega "Golfiño". A cada un dos concellos achegarase medio cento de obras de banda deseñada nunha Bedeteca Móbil. Entre eles haberá clásicos do xénero coma "O Príncipe Valente", "Astérix", "Calvin e Hobbes" ou "Blueberry" onda obras de Miguelanxo Prado ou Fausto Isorna.

A estas actividades poden sumarse as realiadas en cada concello, como foi o caso das Pontes, onde se realizou unha mostra de autores locais.

Ó programa de actividades súmaselle a edición da revista "Semana da Banda Deseñada" que inclúe información sobre as exposicións e actividades previstas, ademais de información básica sobre o xénero e historias curtas dalgúns creadores galegos.Tamén inclúe un dos episodios de "Aventura no Camiño de Santiago".

Logo de comezar nas Pontes, como xa informamos, a semana pasou por Laxe e Cesuras, sendo a súa vindeira cita Moeche, onde estará desde o catro ata nove de xuño. A partir de entón, o calendario previsto é o seguinte:

Localidade Datas Lugar
Moeche Do 4 ó 9 de xuño Biblioteca Municipal
Beariz Do 18 ó 23 de xuño Centro Social de Muradás
Barrreiros Do 2 ó 7 de xullo Centro Social de San Cosme
A Cañiza do 9 ó 14 de xullo Casa da Cultura
Boiro Do 16 ó 21de xullo Centro Social de Boiro
Moraña Do 23 ó 28 de xullo Casa da Cultura "Castelao"
Rianxo Do 30 de xullo ó 4 de agosto Casa da Cultura "Cuartel Vello"
San Xoán de Río Do 13 ó 18 de agosto Aula de Cultura
San Cibrán das Viñas Do 20 ó 25 de agosto Escola Infantil de Pontenoalla
Bande Do 3 ó 8 de setembro Casa do Concello
Mañón Do 17 ó 22 de setembro Centro Sociocultural do Barqueiro
Monforte Do 1 ó 6 de outubro Edificio Multiusos
Allariz Do 15 ó 20 de outubro Salón de Feiras e Exposicións
Salceda de Caselas Do 29 de outubro ó 3 de novembro Centro de Servicios Sociais da Devesa
A Estrada Do 26 de novembro ó 1 de decembro Casa da Cultura
Pontecesures Do 10 ó 15 de decembro Centro Social

Universo culturagalega.gal