Exposicións e talleres itinerantes para dezaseis concellos galegos.

Ponse en marcha a Semana da Banda Deseñada

Exposicións e talleres itinerantes para dezaseis concellos galegos: A banda deseñada, na distancia curta.

Arnoia é a primeira parada da terceira edición da Semana da Banda Deseñada, que se encadra este ano dentro do programa "Imaxina 2002", da Dirección Xeral de Xuventude da Xunta. A este seguirán outros quince concellos ata o vindeiro mes de decembro.
Os contidos desta edición inclúen tres exposicións de BD galega.


Por unha banda poden verse en paneis as publicacións didácticas da serie "Ciencia para todos", do Consello da Cultura Galega. POr outra banda pode verse unha escolma de novos autores do país baixo o título "A Xeración 'BD Banda'", que acolle tanto autores que colaboraron nesta revista coma outros novos creadores. Finalmente poden verse os traballos premiados no II Certame Galego de Imaxe Artística, categoría de Banda Deseñada.


Entre as actividades, proxéctase a película Os Vixilantes do Camiño, a primeira producción galega de animación, creada e producida por Miguelanxo Prado. Ademais realizarase un obradoiro de BD e poderá participarse nun concurso patrocinado polas revista española "¡Dibus!", e as galegas "Bule-Bule" e "Golfiño".
As actividades e as mostras irán acompañadas dunha Beteca Móbil, na que se poderán ler cen títulos de BD en galego, castelán e portugués.
Algunhas das localidades que acollen esta semana incluirán ademais actividades propias como a exposición de talentos locais. Os asistentes á Semana da Banda Deseñada poderán levar tamén a publicación deste programa, que inclúe datos sobre as exposicións e actividades e traballos de autores galegos onda artigos sobre o mundo da BD.
Nas súas anteriores edicións, a Semana percorreu 42 concellos das catro provincias galegas.


Calendario das Semanas da BD 2002

Arnoia, no Salón da Cooperativa San Salvador, do 13 ó 18 de maio

Entrimo, no Colexio Público, do 27 de maio ó 1 de xuño
Montederramo, no Colexio Público San Mamede, do 10 ó 15 de xuño

Rubiá, na Casa da Cultura, do 24 ó 29 de xuño

Ribadeo, no Auditorio Municipal, do 8 ó 13 de xullo

Lourenzá, na Casa da Cultura, do 22 ó 27 de xullo

Alfoz, no Centro Sociocultural, do 5 ó 10 de agosto

Castro de Rei, na Casa da Cultura, do 19 ó 24 de agosto
Vigo, na Casa da Xuventude, do 2 ó 7 de setembro

Baiona, Casa de Oficios, do 16 ó 21 de setembro

Poio, na Casa Rosada de Poio, do 30 de setembro ó 5 outubro

Porto do Son, na Casa da Cultura, do14 ó 19 de outubro
Outes, na Casa da Cultura, do 4 ó 9 de novembro
Ordes, na Casa da Cultura, do18 ó 23 de novembro
Aranga, no Colexio A Castellana, do 28 de novembro ó 7 de decembro

Carballo, no Museo de Bergantiños, do 16 ó 21 de decembro

Cartaz da Semana de BD

Cartaz da Semana de BD