Buscamos ás mulleres galegas da banda deseñada

GRÁFICO: Mulleres na banda deseñada

Está estendida a impresión de que a banda deseñada é un mundo exclusivamente masculino. Nos cen anos de existencia desta arte son escasas as mulleres que acadaron consideración por parte da crítica e do público. Neste sentido Galicia non é unha excepción. ¿Ou si?




Son poucas, pero nos últimos anos comezan a abrollar talentos femininos na novena arte do noso país que fan pensar que o xénero está a abandonar a exclusividade dos homes. Segundo os datos do noso catálogo de autores de BD galega (incluíndo, ademais dos xa publicados aqueles pendentes de ter a súa propia ficha), case un dez por cento dos máis de cen creadores que temos rexistrados son mulleres. O caso máis sobresaínte é sen dúbida o de Emma Ríos, que está a traballar na actualidade en proxectos a nivel europeo e que visitará este outono o salón de BD de Bruxelas. Tamén destaca Vanessa Durán, ilustradora e autora de manga que xa viu publicados varios dos seus traballos, coma a serie “Sheol”, a nivel estatal.
Sen chegar a estes niveis de profesionalización, encontramos nomes coma o de Nuria Díaz, habitual na lista de premiados en diferentes certames coma o de Arteixo. Canda a ela, son varias as promesas coma Marieta Mëntara ou Andrea López que teñen colaborado en publicacións coma “H2Oil” ou “Barsowia”.

Ademais de deseñadoras, temos tamén no país guionistas femininas. Podemos contar deste xeito as incursións esporádicas de Anxos Sumai neste xénero, pero sen dúbida a autora que máis destaca neste campo é Marilar Aleixandre. A recoñecida escritora encargouse dos textos da serie “Os escachapedras” e dos tres volumes publicados ata o momento da serie “Ciencia para todos” do Consello da Cultura Galega, o que a converte nun dos guionistas (home ou muller) con máis obra publicada na novena arte do noso país.
O quiñón feminino da banda semella incrementarse. ¿Chegará á paridade a este xénero?

Máis información no noso catálogo de autores;tema do día sobre Emma Ríos