O mar que come tempo

A costa galega está chea de sitios arqueolóxicos en perigo de desaparición

A costa galega está chea de sitios arqueolóxicos en perigo de desaparición
Factoría e Domus romana de Estabañón (Viveiro). Foto: Mariña Patrimonio
A principios da semana publicábase a noticia da descuberta dunha posible factoría de salgazón romana no rochoso litoral de Oia (Pontevedra). Os temporais da semana anterior remexeran o litoral e revelaran os restos do que parecía parte da estrutura desa industria. Pero, é unha boa noticia para o noso patrimonio ou un anticipo da súa desaparición? En Galicia existe numeroso patrimonio cultural sometido á acción destrutiva do litoral, que desaparece día a día. Falamos con Patricia Mañana-Borrazás, arqueóloga especialista nestes procesos, para coñecelos en profundidade.



Galicia ten case 1.500 quilómetros dun accidentado litoral. Nun país tan densamente poboado desde a Prehistoria, existen multitude de sitios arqueolóxicos emprazados na ribeira ben para ter próxima unha fonte de alimento, para defenderse aproveitando o gran foxo natural que é o Océano ou as dúas cousas á vez. Pero as variacións do nivel do mar, e a continua erosión mariña, fai que case todo ese patrimonio estea afectado pola acción do mar e a súa combinación con outros factores.

"Non podemos determinar a gravedade do problema aínda", sinala a arqueóloga do INCIPIT Patricia Mañana-Borrazás, "pero sabemos que alí onde estamos traballando de maneira máis intensa, hai patrimonio afectado". Un tipo de xacemento especialmente visibles son as factorías romanas que, para aproveitar mellor os recursos mariños, estaban ubicadas xusto na ribeira. "Na parte sur de Galicia destacan este tipo de xacementos tipicamente costeiros que están directamente afectados, pero tamén no norte. Acabamos de avaliar unha factoría cunha domus romana asociada na praia de Areas, en Viveiro, que está sufrindo moito o impacto dos temporais. Xeneran ondas moi grandes que son as que afectan neste caso".

A domus de Estabañón, na praia de Areas, en Viveiro, interpretada como un importante complexo doméstico e fabril, é un exemplo claro deste tipo de proceso destrutivo. Na zona cuberta pola area presérvanse excepcionais muros dunha altura que supera ás veces o metro e medio. Pero xusto ao carón, na zona á que chega a auga, só fican pezas ailladas, cerámica e tella rodada polo mar. O mar é implacable.

Diferentes tipos de erosión
Pero o interesante é que non todo o litoral galego sufre o mesmo tipo de erosión. "Un caso interesante dáse tamén na Mariña", sinala Mañana, "porque hai moitísimos castros ubicados no litoral. Pero como teñen un sustrato pizarroso, sufren moita máis erosión e perden terreo ata o estremo de que nalgúns xa só queda o parapeto defensivo exterior. O castro de Esposende, en Ortigueira, é un exemplo deste tipo, pero hai moitos na mesma situación". Precisamente na Mariña, en novembro de 2016, a Xunta de Galicia realizou unha polémica intervención nun forno romano afectado por esta situación na praia das Catedrais, tralas protestas de oito colectivos vinculados á defensa do patrimonio na comarca, co obxectivo de documentar e recuperar o material".

Esta situación é diferente noutras partes de Galicia. Aínda que se sabe que castros coma o de Neixón (Boiro) ten sufrido o impacto e a erosión do mar, as bases graníticas facilitan que castros en lugares tan batidos polo Océano coma o castro de Baroña, resistan razonablemente ben o impacto dos invernos. Curiosamente, a zona máis danada polo mar no castro de Baroña é a máis abrigada dos temporais, e alí os arqueólogos tiveron que construír un dique de contención de terras.

Sen embargo, no interior das rías, os problemas erosivos son distintos. É o caso do famoso illote de Guidoiro Areoso, onde existe unha necrópole megalítica excepcional que a area preservou nun excelente estado de conservación. No interior da ría non hai o risco de ondas enormes que ataquen directamente o frontal, pero si de importantes movementos de area derivados das correntes. "O que sabemos en Guidoiro Areoso é que a corrente despraza o material, retirándoo dun sitio e depositándoo noutro. Deste xeito, a corrente é o principal factor que provoca a aparición e desaparición de monumentos".

Que se pode facer?
É difícil para a opinión pública asimilar a perda dun sitio arqueolóxico, ás veces nun lapso de tempo que se pode percibir, pero moitas veces é imposible frear a desaparición. "O que se está facendo noutros países europeos con condicións similares, como Irlanda, Escocia ou Francia", sinala Patricia Mañaña, "é primeiro facer unha avaliación previa, estimar como lle afectan os axentes erosivos a un sitio arqueolóxico e determinar se é especialmente vulnerable e pode desaparecer". A partir de aí as políticas públicas deben establecer as prioridades e decisións sobre ese patrimonio . "O que se fai é actuar naqueles que teñen máis risco de desaparición e teñen máis interese científico", indica Patricia Mañana, que encabezará proximamente unha intervención de rescate no illote de Guidoiro Areoso.

"As dinámicas de erosión da costa non se poden parar", conclúe Patricia Mañana. E a ciencia tampouco.