AGADIC convoca as axudas á produción escénica

A liña de apoio mantén a mesma contía que no ano anterior

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) rematou o exercicio anual publicando no Diario Oficial de Galicia (DOG) do día 30 de decembro a convocatoria de subvencións á produción escénica. O obxectivo destas subvencións é favorecer a estrea de novas producións galegas cara á súa progresiva incorporación nas próximas carteleiras de salas, teatros, auditorios e festivais. Esta liña de apoio mantén a súa dotación de 600.000 euros, que o ano pasado foron adxudicados a 29 compañías para a realización doutros tantos espectáculos. As bases establecen como finalidade destas subvencións o fomento da produción escénica, en calquera das súas disciplinas artísticas, por parte de compañías profesionais con actividade en Galicia cuxas propostas se estreen entre o 1 de abril de 2017 e o 1 de marzo de 2018. Especifícase, así mesmo, que a produción dos espectáculos deberá iniciarse no exercicio 2017.

Mantéñense as catro modalidades das convocatorias anteriores, segundo se trate de montaxes levadas a cabo por compañías de nova creación e que non superen os 20.000 euros de orzamento; espectáculos de pequeno formato (ata tres intérpretes) que non excedan os 30.000 euros; de mediano formato (con entre catro e sete intérpretes) e que non contemplen máis de 60.000 euros de orzamento; e espectáculos de gran formato (compostos por máis de sete actores e actrices, manipuladores, bailaríns ou músicos en escena) e que non rebasen os 80.000 euros. O prazo de presentación de solicitudes para optar ás subvencións á produción escénica dará comezo mañá e manterase aberto ata o 30 de xaneiro de 2017.
Ligazóns