
Ademais da propia Uxía, coa que Narf tivo compartido gran cantidade de proxectos musicais, participará nesta vindeira edición de Cantos na Maré, Manecas Costa, con quen o músico e compositor compostelán editou o celebrado traballo Aló Irmão en 2009 e que é tamén parte importante desa comunidade musical que preside a filosofía do festival desde a súa primeira participación nel en 2005. Outra das protagonistas será Guadi Galego, unha das nosas grandes vocalistas galegas, quen representa neste momento un dos camiños máis arriscados na evolución da música galega de raíz cara a novos territorios, e consegue xuntar na súa figura artística a consagración e o valor do novo. De feito, chega a Cantos na Maré cargada con novas músicas procedentes do seu recentemente estreado álbum, O mundo está parado; e sostendo aínda o Premio Martín Códax da Música 2016 á mellor artista na categoría de canción de autor polo seu anterior traballo Lúas de outubro e agosto. Os cinco artistas estarán acompañados por unha banda dirixida por Paulo Borges (director musical), coa presenza tamén no escenario de Uxía e doutro convidado aínda sen desvelar e que será anunciado nos vindeiros días.