Misión cultural galega en Bruxelas

Sesenta e cinco representantes do sector cultural irán ao Parlamento Europeo invitados por AGE

Unha delegación formada por 65 persoas pertencentes ao sector cultural galego desprazaranse esta semana a Bruxelas para abordar a situación que atravesa a creación e distribución cultural galega, os dereitos da cidadanía a acceder á cultura e o dereito das e dos traballadores a vivir disto, a produción en lingua galega, a cultura de base e o patrimonio cultural. Está misión cultural intentará visibilizar a súa situación particular ante representantes da Comisión Europea, que recibirán á delegación galega dentro do Parlamento Europeo, no marco dunhas xornadas de exposición e debate organizadas pola eurodeputada Lídia Senra, representante de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe). As actividades dentro desta misión a Bruxelas comezarán xa este martes pola tarde, cunha gala de benvida no Centro Galego de Bruxelas La Tentation, no que baixo o título Europa, capital Galiza, a partir das 18:00 horas, se sucederán diferentes presentacións e actuacións artísticas galegas, nun evento aberto ao público. Xa o mércores iniciaranse as xornadas de debate e reivindicación no Parlamento Europeo, que se prolongarán durante todo ese día e até o xoves ao mediodía.

A delegación que este martes partirá cara a Bruxelas estará formada por persoas dos diferentes eidos da cultura galega, como poden ser do ámbito musical a cantante Uxía Senlle xunto con Santi Cribeiro, Sergio Tannus e Isaac Palacín, o músico de jazz Abe Rábade e varios representantes da Asociación Músicos ao Vivo; o presidente da Academia Galega do Audiovisual, Carlos Ares; Luís Avilés e César Souto, os directores do documental galego “Os días afogados”, nominado aos Premios Goya 2017; escritoras e escritores como Chus Pato, Xabier Cordal, Teresa Moure ou Oriana Méndez; membros da Asociación Galega de Editoras; persoas do ámbito teatral como a presidenta de Escena Galega, Belén Pichel, ou o dramaturgo e director da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, Roberto Pascual; representantes da danza como Ruth Balbís; da comunicación, como Camilo Franco ou María Yáñez; do circo, como Belem Brandido; creadores de videoarte e pintura como Alberto Ardid ou o colectivo Fiinda; membros de asociacións culturais como Senunpeso e Papaventos de Vedra, Xermolos de Guitiriz, de diferentes colectivos de Muimenta, da Chave das Noces de Castroverde; da Fundación Uxío Novoneyra, directivos da Sociedade Antropolóxica Galega e de Mariña Patrimonio e SOS Arte Rupestre Galega; así como xestores e críticos culturais e as deputadas de En Marea no Congreso do Estado español, Alexandra Fernández, e no Parlamento Galego, Ánxeles Cuña e Luca Chao.


O grupo de AGEe leva tempo traballando na organización desta viaxe a Bruxelas e ao Parlamento Europeo. Lídia Senra agarda que a misión desta semana en Bruxelas sirva "para facer visible a alarmante situación na que se atopa a cultura galega, estudar posibles iniciativas de defensa a levar a cabo a partir de agora e que na UE coñezan de primeira man a realidade".A europarlamentaria critica "que o Goberno da Xunta teña reducido nos últimos catro anos un 44% os seus orzamentos destinados a cultura" e reclama que se protexa o patrimonio cultural galego, así como que se garanta que as traballadoras e traballadores do sector cultural galego poidan ter unha vida digna, para acabar con situacións como que o 60% dos actores e actrices da Galiza e o 89% de bailaríns viven por debaixo do umbral da pobreza, referíndose ao informe presentado por AISGE sobre a situación laboral destes artistas.