Pistas para entrar no Outono

Repasamos os focos do Outono Fotográfico 2016

14/11/2016 | Santiago. Xermán Hermida | Seccións: artefotografía
21 lecturas | Compartido 0 veces

É xa un clásico da axenda galega. O Outono Fotográfico, consolidado e cunha calidade crecente, volve reivindicar a arte da imaxe cun mundo de exposicións espalladas por todo país. Ademais, como é habitual, obradoiros, cursos e outras actividades contribúen a que, desde outubro e ata o vindeiro mes de xaneiro, poñamos o foco na fotografía. Repasamos con Xosé Luís Vázquez, o director do evento, algunhas pistas para se achegar a un programa no que resulta sinxelo perderse.
Son nada menos de 92 exposicións. Cursos de revelado, Photoshop, fotografía dixital ou retoque. Visitas guiadas, presentacións e eventos varios. As dimensións do Outono Fotográfico, que hai xa anos reborda as fronteiras do seu Ourense natal, son tales que se fai imprescindible unha guía para se achegar a el. Como novidade nesta xeira, o director do evento, Xosé Lois Vázquez apunta que "logo de cinco anos cunha Sección Oficial coidada, cunha presenza crecente e con exposicións de alto nivel, chegamos a unha edición na que este apartado está moi equilibrado co Outono Aberto", sección que acolle propostas dos fotógrafos interesados e que foi durante anos a espiña dorsal do evento. Segundo explica, "hai tres anos que o Outono ten un tema, e semella que isto lle obriga á xente que participa nestoutra sección a pensar se os seus traballos corresponden co mesmo. Entón estamos a ver que as exposicións inscritas na open call teñen un nivel moi alto, nótase un cambio cualitativo". A maiores, Vázquez lembra que con esta edición póñense en circulacións mostras de cinco autores galardoados no Premio Galicia de Fotografía Contemporánea, que se convoca vencellado a este certame desde hai catro anos.

Vectores xeográficos
Para alén deste equilibrio, o Outono mantén a súa expansión, especialmente no que se refire á Sección Oficial. Nesta ocasión, son 25 cidades e vilas de todo o país, canda a catro de Portugal, as que acollerán o conxunto das mostras que conforman o evento, cun total de 70 espazos expositivos. A honrar o berce deste programa, Ourense concentrará, como é habitual, unha grande cantidade destas exposicións. "En total hai 34 programadas. Temos grandes contedores, como o Museo Municipal que acolle seis, pero ademais concéntrase o interese porque hai varias de alto nivel", explica o director. Álex Mene, Mar Caldas, Andrea Valado, Ana Gil, Manuel Sendón, Nelson Garrido ou Ángel Torres Escalante son algún dos nomes que fan parte desta oferta.

Canda á Cidade das Burgas non desmerecen lugares como Compostela, A Coruña ou Vigo, que Vázquez anima a visitar no marco deste evento. "En Coruña e en Santiago hai un total de 16 ou 17 mostras, paga a pena pasar dous días". Montaxes como Rururbania Salnés, co que José Romay gañou o Premio Galicia de Fotografía Contemporánea, traballos de Berto Macei, Miguel Vasconcelos, Bernardo Cañizares ou José López Pérez na capital, ou os de Igor Calvo Óscar Reina, Rebeca Baceiredo, Patricia Arellano, Dolores Carretero, David Mateo ou Javier e Pablo López Prol no programa da Coruña, amosan parte do intenso programa previsto para estas urbes. En canto a Vigo, son Xabier Fernández, de novo José Romay, Berto Macei, Ana rello ou Iñaki Matilla os que conforman a oferta local.

Vázquez apunta que a distribución polo país anima "a ir unha fin de semana a Ourense, Vigo ou A Coruña a ver exposicións. Ou facer rutas que pasen por Ribadavia ou o Carballiño. É o xeito de lle tirar partido ao Outono. E o mesmo en Portugal. Pódense visitar catro de moi alto nivel entre Chaves e Lisboa". O traballo de Eva Díaz, III Premio Galicia de Fotografía Contemporánea, João Madureira, Fernando DC Ribeiro ou Eva Gil, así como varias propostas colectivas fan parte desta oferta Alén Miño.

Nomes
Para alén da perspectiva xeográfica, hai tamén nomes que cómpre seguir no marco deste evento. Os organizadores achégannos unha selección de imaxes que nos poden inspirar para vermos por onde lle meter o dente ao Outono Fotográfico.
Ligazóns externas

Outono Fotográfico 2016: Retrato da fotografía

Ver serie completa
17/11/2016

O país que fai clic

A afección e a falta de apoios institucionais marca o panorama da arte fotográfica no país

Universo culturagalega.gal

13/11/2012

Abrir o foco

O Outono Fotográfico celebra os seus trinta anos asumindo novos retos