WOMEX 2016: O Mundo resoa en Compostela

A celebración da feira musical supón unha oportunidade única de proxección internacional

A celebración da feira musical supón unha oportunidade única de proxección internacional
Imaxe da primeira note de showcases do Womex 14. Foto de Eric Van Nieuwland 210931. Fonte: Womex
Volve o WOMEX a Compostela. Trescentos músicos, 2.500 persoas de cen países e 290 postos fan de Compostela a capital internacional da World Music entre o 19 e o 23 de outubro. Para alén dun retorno económico agardado próximo aos 3 millóns de euros, a feira sitúa, por segunda ocasión, a nosa música na primeira liña mundial. Ademais, o evento achega á capital galega unha ampla oferta cultural que permitirá ao público achegarse a propostas nunca vistas.

Representantes de máis de 100 países, 700 empresas, 22 conferencias, 95 relatores… as cifras do WOMEX que se celebra esta semana na Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela, impresionan. E non é para menos, xa que estamos a falar da principal feira dedicada á World Music a nivel internacional. Logo da edición de 2014 a organización deste encontro, a empresa Piranha Music, volveu a escoller a capital galega como sede. De novo a firma local Nordesía corre coa organización dun encontro que supón un potencial único de cara á proxección externa da nosa música.

De cara o público
Se ben é certo que o WOMEX é fundamentalmente unha feira profesional, o encontro de World Music leva aparellado unha intensa oferta para o público xeral. Nada menos de 45 concertos encherán de sons entre os días 20 e 22 diferentes escenarios do Casco Histórico de Compostela. O Teatro Principal, a Praza da Quintana, o Auditorio Abanca, o Salón Teatro e a Sala Capitol acollerán as actividades. Os concertos, en formato showcase, duran 45 minutos para cada grupo e permiten en cada sesión coñecer un bo feixe de propostas difíciles de escoitar noutros contextos. De feito, varios dos grupos e artistas presentes fan a súa estrea a nivel continental na capital galega. Malia a que é difícil seleccionar nomes entre a extensa lista da sección oficial, hai algúns proxectos que chaman de xeito peculiar a atención. Deste xeito, as persoas que busquen directos potentes, teñen que atender a concertos como o de New York Gypsy All Stars, unha banda formada por músicos de Grecia e de Macedonia, aínda que con sede Nova York. Música balcánica mesturada con sons turcos e influencias de jazz prometen orixinalidade e ritmo para a noite do 20 de outubro na Quintana. Para o día 21 a incrible mestura de Oligarkh, que integra música tradicional rusa e rock con toques funk é un imprescindible para os que busquen música enerxética.

Máis rexistros
Noutros rexistros máis tranquilos contamos estes días tamén con propostas de grande interese. Así, Dudu Tassa & The Kuwaitis aposta tamén pola mestura de ritmos pouco coñecidos por estas beiras. Capitaneado por un Iraquí que medrou en Israel, o proxecto engadiu influencias de músicas tradicionais xudaicas e musulmás a bases de rock e agora chega á cidade na noite do 21. O festival é tamén unha boa ocasión para coñecer a tremenda voz de Gisela João, estrela ascendente do fado portugués que actúa o día 22 no auditorio Abanca. Non se pode esquecer tampouco o proxecto do senegalés Faada Freddy. Este vocalista con orixes no hip-hop está a se presentar ao vivo cunha formación unicamente de voces e percusión corporal que promete unha experiencia única para o concerto do 20 de outubro. Aos recitais súmanse as sesións DJs que se poderán seguir na Sala Capitol os días 24 e 25.

Audiovisuais
Por se fose pouco, o evento inclúe tamén por vez primeira a sección Womex Film Nights, unha sección audiovisual. A iniciativa, segundo explica a organización, pretende amosar filmes sobre músicas do mundo pero tamén que retraten os diferentes xeitos nos cales a música se deixa sentir na sociedade. O Museo das Peregrinacións acollerá tres sesións diarias entre os días 20 e 22 a amosar unha selección de nove películas documentais, entre elas dúas estreas mundiais. Dentro das que se poden ver neste apartado, atopamos algunhas que prometen un alto interese, como pode ser The American Epic: Out of the Many, The One, un documental que recupera as primeiras gravacións da música americana e amosa o xeito no que estas mudaron o xeito no que os propios americanos viron o seu propio patrimonio sonoro. Tamén é de destacar Jakarta Jakarta!, un filme que amosa o paralelismo entre os intensos sons da capital de Indonesia e as diferentes músicas que se producen na mesma.

Presenza Galega
No medio de todo o intenso programa, non falta tampouco a presenza galega, se ben cómpre recoñecer que, ata o momento, a nosa música non obtivo unha grande pegada na selección oficial do WOMEX. En cada edición creadores de todo o mundo compiten por entrar nesta selecta listaxe, e no noso caso, este ano unicamente Radio Cos entrou na selección de 33 para este ano. O conxunto de Quique Peón e Xurxo Fernandes súmase así a unha nómina na que en anos anteriores só figuraran Mercedes Peón (na edición de 2010) e Davide Salvado (na de 2014). No entanto, non é esta a única pegada que deixa a nosa música no festival. O escenario Atlantic Connections, que se centra na música das dúas bandas do Océano, conta nesta ocasión con Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre e mais con Narf, que fai duo cos angolanos Timbila Muzimba, entre as nove propostas que se presentarán. Na edición de 2014 foran Uxía e Germán Díaz os que fixeran parte desta sección. A maiores, o Opening, momento de recepción aos participantes da feira, contará tamén con sons do país. Carmen Paris, o Cuarteto Caramuxo e Talabarte fan parte dunha función que dirixe Pedro Pascual e na que actuarán tamén Kepa Junquera e mais Maria Arnal e Marcel Bagés.

Alén dos sons
A nivel empresarial tamén atopamos nomes galegos na feira. Vítor Belho, de Nordesía, a empresa que organiza esta edición, foi este ano o primeiro galego que fixo parte do comité de selección do festival. Canda a el, outras 21 empresas do país están acreditadas para participar no evento, entre elas aCentral Folque, Boa Música, Ouvirmos, Chotokoeu, Budiño, Culturactiva, Galicia Fiddle, Luneda Producións, Merlo Branco Producións, Sumrrá, Fisterra.biz, Samuel Diz, Musicarte, O Valse, Inés portela ou Alejandro Vargas. A estas súmase o enorme peso dos profesionais do país nos máis diferentes aspectos da organización da feira. Segundo sinalan desde organización ata un 90% do orzamento de cada edición vai para empresas locais, desde as máis vencelladas á música como son as dedicadas á montaxe de escenarios e aos traballos ténicos de son e de luz, ata aquelas que proporcionan o cátering e outras cuestións de intendencia.

A baza de Galician Tunes
A marca Galician Tunes, da Axencia Galega das Industrias Culturais contará tamén cun posto propio para promover as nosas músicas na feira. Ademais, esta entidade preparou de xeito paralelo unha programación previa. O Focus GalicianTunes achegará 10 artistas e grupos a unha selección de 26 programadores de festivais internacionais de 19 países diferentes que visitan o país días antes do WOMEX para coñecer os sons do país. A Sala Capitol acolleu onte o primeiro recital, a cargo de Leilía, Os d'Abaixo e Susana Seivane. A este seguen recitais no Salnés e na Coruña nos que os delegados poderán coñecer os sons de Faltriqueira, Pepe Vaamonde Grupo, Alberto Conde Human Evolution Project, Rosa Cedrón, Alejandro Vargas Trío, TRIM e Sumrrá.

Fica por ver o xeito no que este macroevento deixa pegada nas nosas músicas. En sabendo, segundo recoñecen os organizadores, que será difícil que volte o WOMEX a Compostela, non cabe dúbida de que estamos a falar unha oportunidade única para coñecer artistas e ritmos e para exportar os nosos sons.