Para alén do que se pode observar na escena do país a partir do Galicia Escena Pro, existen tendencias evidentes na temporada teatral que estamos a comezar. O peso dos espectáculos familiares ou un compromiso social crecente son algunhas das correntes máis claras nun panorama no que Chévere ou Ibuprofeno Teatro prometen deixar marca. Botamos man de críticos e programadores para orientarnos entre os nomes e os fenómenos que se deixarán sentir nas táboas ao longo dos vindeiros meses.
Para alén das perspectivas máis directas que a feira Galicia Escena Pro nos indica sobre a situación da escena do país, a feira ten un impacto claro nas programacións que se desenvolven por todo o país. Marta Núñez, programadora do Concello de Vigo e membro do comité de selección deste evento apunta que no mesmo "evidentemente, nin estiveron todas as que eran, nin eran todas as que estiveron. A selección dos espectáculos procurou basearse na calidade, intentando facer unha mostra representativa de espectáculos de compañías xa consagradas, e de proxectos de compañías novas. Tentouse atender tamén a unha representación o máis axeitada posible en canto a disciplinas artísticas e de cara ao rango de idade público obxectivo ao que van dirixidos os distintos espectáculos". Para ela a feira ten unha grande transcendencia na programación teatral que finalmente se desenvolve nas salas do país. "Analizando as programacións dos concellos inmediatamente posterior á visualización dos espectáculos da mostra, podemos sacar moitas conclusións sobre a relación entre as exhibicións e as programacións de cara ao segundo semestre de 2016", apunta, "non só en canto a repercusións e efectividade da mostra, senón en canto a tendencias teatrais e espectáculos ou compañías que acadan máis aprobación por parte dos programadores". Núñez sinala que a pegada da feira transcende a temporada inmediata, xa que os datos amosan como moitos espectáculos da xeira de 2015 continúan vivos nas programacións municipais.
Moitas obras con poucas funcións
A tomar como base as programacións realizadas ao abeiro da Rede Galega de Teatros e Auditorios, que reúnen unha grande parte das funcións que finalmente chegan ao público do país, esta técnica cultural apunta algunhas tendencias. "No segundo semestre de 2016, 40 Concellos realizaron programacións dentro da Rede Galega de Teatros e Auditorios, baseadas no catálogo de Galescena". A maiores, apunta que todos eles "programaron algún tipo de espectáculo dirixido a público adulto, pero houbo 8 Concellos que non incluíron nas súas ofertas ningún tipo de espectáculo dirixido a público familiar". Do total de 235 funcións programadas, 107 foron para público familiar e 128 dirixidas a público adulto. As funcións corresponden con 123 espectáculos de 94 compañías diferentes, e 81 dos mesmos nunca foron programados nas diferentes mostras de Galicia Escena Pro. Así "tan só un 34,15 % das programacións dos Concellos son visualizadas previamente nesta mostra", explica Núñez. Ademais, "o dato de que exista un número tan grande de espectáculos diferentes amosa que a maior parte das compañías seleccionadas só acadan unha función programada dentro da rede".
Nomes que soan
Sen entrar en recomendacións específicas, e a partir destes mesmo datos, Núñez sinala montaxes a ter conta na nova temporada a atender á súa aceptación. "En canto aos espectáculos dirixidos a público adulto exhibidos dentro da mostra, os que máis repercusión están tendo por a número de funcións neste outono son Get Back, da compañía Emedous Emoción&Arte, Foucellas de Talía Teatro, Eroski Paraíso do Grupo Chévere, O tolleito de Inishmaan de Contraproducións, Raclette de Ibuprofeno Teatro e Voaxa e Carmín de Butacazero". En canto aos dirixidos a público familiar, "neste semestre poderemos ver en moitas carteleiras de Galicia O poder de Amabel de Perez&Fernández, sen dúbida o gran éxito da mostra en canto a espectáculos dirixido aos máis cativos, así como Os soños na gaiola de Títeres Alakrán, Rubicundo de Ghazafelhos, Invención do Grupo Odaiko Percusión, ou Moby Dick de Teatro Gorakada", compañía vasca que participou na mostra. Neste ámbito, Núñez apunta que, "algo que estamos constatando os programadores é unha diminución, sobre todo na calidade, que dos espectáculos infantís se están a producir, despois duns anos de auxe tanto cualitativo como cuantitativo neste tipo de producións".
Tendencias de compromiso
Pola súa banda, outro membro do comité de selección, o crítico Camilo Franco, considera a partir da súa experiencia que a nivel temático no teatro galego "unha tendencia clara é esta cuestión de procurar argumentos na realidade, historias que o espectador non só poida recoñecer senón que tamén o movan do sitio. Hai moitos argumentos que teñen que ver coa mobilización ou coa denuncia de determinadas inxustizas históricas ou sociais. Se hai dous ou tres anos isto era unha inclinación hoxe é algo xeralizado, case todas as compañías están a traballar nesa dirección", explica. "Hai como un fondo social de intranquilidade que pretende cando menos axitarlle a intelixencia ao espectador. Xa non é tanto recordar a crise ou a inxustiza económica e social senón denunciar que non se lles puxo amaño".Como unha excepción apunta "o CDG, que escolleu un Tartufo do que non se poden tirar moitas conclusións para a sociedade contemporánea".
Nomes que marcan
De cara á temporada que agora comeza, Franco sinala que "a día de hoxe no teatro galego hai unha serie de compañías que teñen xeitos concretos de traballar e que chaman a atención dos espectadores. Falamos de Chévere, Sarabela e Ibuprofeno, que en boa medida marcan o resultado das temporadas. Por suposto hai incorporacións, e compañías que resisten como Teatro do Atlántico, que funcionou moi ben o pasado ano e vai ter outra estrea, pero estes tres marcan como unha corrente que as fai as principais compañías de Galicia, e erguen mesmo máis expectación do que o CDG". Á hora de facer recomendacións, "eu diría que Raclette, de Ibuprofeno Teatro vai levar o protagonismo da temporada. Coas funcións que tivo ata o de agora xa amosou o seu potencial". Canda a esta, apunta que "a nova obras de Sarabela, Normas para saber vivir na sociedade actual vai ser unha das que funcione". A maiores, sinala que "seguramente O tolleito de Inishmaan", que Cándido Pazó dirixe desde Contraproducións, sexa unha das máis destacadas dos vindeiros meses. "Martin McDonagh está a ser o autor contemporáneo máis representado en Galicia malia a ser irlandés, e seguramente funcione moi ben. O mesmo arrisco moito, pero desde logo esperta expectación e para min é unha das candidatas". Pola outra banda apunta Eroski Paraíso de Chévere. "Funcionou moi ben desde a estrea e chamou a atención".
Máis escollas
Pola súa banda, a autora e crítica Inma López Silva, pola súa banda, destaca tamén Eroski Paraíso, de Chévere. Logo de medio ano de xira, a montaxe ao seu ver "supón un salto na traxectoria da compañía e é unha peza sinxelamente excelente na que Patricia de Lorenzo está soberbia". Ao tempo salienta a importancia do Tartufo, de Molière, do Centro Dramático Galego, que marca como "a primeira produción propia baixo a dirección executiva do centro de Fefa Noia". Ao seu ver, a dirección de Carlos Alfaro, "sempre é unha garantía", ao que suma o fito de que "só se fixo Molière noutra ocasión anteriormente, O enfermo imaxinario dirixido por Eduardo Alonso, e foi un dos éxitos do teatro galego". Como terceira recomendación, sinala Helena, xuízo a unha lurpia, de Teatro do Atlántico, dirixida por Xulio Lago e interpretada por María Barcala. "É un texto de Miguel del Arco que, a través dun monólogo de Helena vella e borracha, lle dá a volta á historia de Troia".
Como se pode comprobar, hai onde escoller, pero tamén algunhas claras favoritas para marcar os escenarios nos vindeiros meses. Agora, é cuestión de comprobar tendencias e recomendacións asistindo ao teatro.