A escena vista desde a Escena Pro

Repasamos as tendencias da nova temporada teatral a partir do datos da feira Galicia Escena Pro

Repasamos as tendencias da nova temporada teatral a partir do datos da feira Galicia Escena Pro
Os amores de Jacques o Fatalista. Producións teatrais Excéntricas. Foto: Natasha Lelenco
Neste 2016 o mercado das artes escénicas Galicia Escena Pro celebrouse por vez primeira no mes de xuño. Esta mudanza de datas, reclamación do propio sector, permite que o encontro concentre unha alta porcentaxe das producións que poderemos ver ao longo da nova temporada teatral. Un repaso destas propostas amósanos as tendencias que imperarán nas táboas nos vindeiros meses. Entre outras, confírmase a preeminencia das obras de pequeno formato, dos públicos infantís e das compañías novas.

Do mesmo xeito que fixemos na edición de 2015, tamén nesta xeira empregamos o Galicia Escena Pro como un termómetro das tendencias na escena do país. Tal e como comentamos no pasado ano, as obras que chegan a este mercado son unha selección realizada por un tribunal de especialistas que procura representar na mesma as múltiplas tendencias que existen nas nosas táboas. Nesta xeira, o feito de que as dúas edicións estivesen separadas por apenas seis meses de distancia foi sen dúbida un factor que influíu nas posibilidades que moitas das compañías tiveron para preparar novas montaxes.

No entanto, repetiron no mercado 13 das 33 compañías presentes nesta última edición, en seis dos casos grupos que en 2015 asistían en formato pitching ou showcase e que desta volta pasaron a amosar espectáculos completos. Todas elas chegaron con novas propostas agás Talía, que presentou versión completa do Foucellas que adiantara nos pitching do pasado ano. Chévere, pola súa banda, estivo presente coa súa produción actual, Eroski Paraíso e mais a adiantar a súa vindeira proposta, que titulou Vaia heroe de merda e que está para estrear este mesmo xoves co título Goldi libre. Como na edición 2015, das propostas seleccionadas representáronse 14 de xeito íntegro, mentres 9 participaron de maneira reducida en formato showcase e 10 mais presentaron os seus traballos aos programadores na sección de pitching. A estas sumáronse tres compañías vascas que, como novidade, achegáronse convidadas ao encontro. En total, 36 propostas que supoñen unha lixeira baixa a respecto da xeira do pasado novembro, onde a selección chegara ás 39 compañías.

Antigüidade





A mocidade continúa a imperar bo Galicia Escena Pro, aínda que con menos forza. Un 57,6% das compañías que pasaron polo mercado teñen dez anos ou menos, e nada menos que o 42,4% son posteriores a 2010. No entanto, diminúe porcentualmente a pegada das compañías máis novas, xa que nas presentacións do pasado novembro era un 48,7% a porcentaxe das participantes con estes anos. Nesta xeira foron as compañías nadas entre 2000 e 2005 as que ascenderon tremendamente a súa participación, xa que pasaron a ocupar do 15,4% ao 27,3% do programa. Pola contra, diminuíu a presenza de veteranas dos anos oitenta, representadas por Talía, Chévere e Teatro do Morcego, co seu Nosa Señora das Nubes, ás se suma Os monicreques de Kukas como representante único do teatro dos setenta. Ao tempo, desapareceu a pegada do teatro dos anos 90 neste mercado. Neste sentido, resulta curioso comprobar a mínima presenza de proxectos teatrais activos nados nesta década. Na edición de 2015 unicamente o Mago Xacobe sinalaba ter comezado a súa actividade no período. O dato resulta aínda máis rechamante ao contrastar coa presenza de diferentes propostas superviventes da década anterior.

Espectáculos pequenos




De xeito similar, mantense aposta maioritaria polo pequeno formato, cun 54,5% de obras que só contan con un ou dous participantes (actores ou manipuladores), fronte ao 43,6 en 2015. Increméntanse as propostas cunha soa persoa en escena, que chegan ao 24.2% do total, na mesma medida en que diminúen as de tres a respecto da anterior edición (preto de doce puntos). Tamén hai menos montaxes que apostan por catro intérpretes, a baixar do 20,5 ao 9,1%. No entanto, e de xeito curioso, duplícanse as producións que contan con cinco persoas en escena, que supoñen o 15,2% das que se presentaron nesta xeira. Aparecen propostas puntuais con sete e oito actores, (en concreto, o Pavillón Lino de Caramuxo e O tolleito de Inishmaan de Contraproducións) que sen chegar aos nove que levaba o Ensaio sobre a cegueira de Sarabela en 2015, amosan unha certa tendencia a propostas escénicas dun tamaño relativo. En concreto, un 21% de espectáculos neste mercado incluían cinco ou máis participantes. Ao contrario que na anterior edición, no que as montaxes de maior tamaño correspondían cos grupos máis veteranos, desta volta as maiores producións concéntranse en compañías de menos de dez anos de vida, con catro das sete presentadas nestas magnitudes.

Público familiar




O interese por se achegar aos públicos de menor idade semella continuar o seu pulo. Se no 2015 as producións especificamente para adultos eran un terzo do total, en 2016 unicamente supoñen o 18%. Fronte a isto, medran as do sector máis infantil, que pasan do 20 ao 24 por cento, e as que se definen como destinadas a "todos os públicos" (15,2%) e para público familiar (6,1%). Pola contra, as representacións para as franxas de entre 7 e 14 anos descenden lixeiramente. Nesta ocasión obsérvase entre as compañías máis novas unha certa orientación ao público de máis idade, xa que nas nadas logo de 2010 concéntranse seis das oito producións orientadas a un público adulto ou xuvenil e adulto.

Formatos
Os títeres continúan a manter un peso importante nas producións que pasaron polo mercado este ano, xa en solitario, xa como complemento do traballo teatral, e están presentes en sete das producións que pasaron polo encontro. Canda a eles o teatro de obxectos, a música e os malabares aparecen como outros elementos que se incorporan á escena, en particular naquelas iniciativa que toman o novo circo como eixe. Destaca a desaparición das montaxes orientadas á música nesta edición, aínda que carecemos de datos a nivel de xénero dunha grande parte dos traballos presentaron. Dos 21 que si achegan este dato, obsérvase un reparto entre comedias e dramas ao 50%, cunha única presentación que se definiu como comedia. Tres propostas vencelladas á danza, e dúas que se definen como contemporáneas amosan un maior peso destas orientacións nas opcións que se presentaron aos programadores este ano.