O filme peruano La casa rosada gaña o favor do público da Semana Internacional de Cine de Autor

A película de Miguel Morales Rancor gaña na sección de cine galego

A película de Miguel Morales <i>Rancor</i> gaña na sección de cine galego
A cita internacional co cine de autor de Lugo chegou ao final da súa 38ª edición e fixo pública a selección das cintas que acadaron os recoñecementos do público e do xurado. O máximo galardón da sección oficial recaeu, segundo a elección do público, na película peruana La casa rosada, dirixida por Palito Ortega, que leva o trofeo da mostra e 1.000 euros de premio. A película de MT Producciones dirixida por Miguel Morales Molina Rancor, foi a que acadou o premio da Sección de cine galego, consistente en 300 euros e trofeo. A película de Morales foi rodada en Sarria e O Incio e xa acadara anteriormente galardóns na XVI Mostra de Curtas do Ateneo de Ferrol e no Festimatge de Redondela, onde tamén recibiu como aquí un premio do público en 2015. Conta no seu reparto cos actores Santy Romay, María Mera, Miguel Borines e Iago Novoa. O palmarés de trofeos complétase coa película dirixida por David Bartan Coming to thermes que levou o premio do público na Sección As curtas tamén son de cine.

O Xurado da Semana de Cine de Autor de Lugo acordou tamén conceder unha Mención Especial ás seguintes películas: Tempo, de Manuel Valcárcel; Pensamientos de Nil, de Dani Andreu; En tránsito, de Oskar Tejedor; Boxing for freedom , de Juan Antonio Moreno e Silvia Venegas; Alpuxarras , de Rafael Toba; Unha muller que pasa / Silencio, de Xosé Antón Bociña Rey; Cretinos, de Edu Moyano e La Condena de Marc Nadal.