Ósos para alumear un tempo

A nova escavación da Lanzada xa revela dous esqueletes do século I d.C.

A nova escavación da Lanzada xa revela dous esqueletes do século I d.C.
Foto: Equipo arqueolóxico Deputación de Pontevedra
A máis de cincuenta metros do que se consideraba a necrópole do poboado da Lanzada, a area volve a amosar enterramentos humanos onde non se agardaban. Trátase dunha muller e un bebé que se poden remontar aos inicios do século I d.C., nos principios da romanización de Galicia, unha época da que a penas se conservan restos de individuos. Os cadáveres poden dar conta da vida e orixe dos primeiros habitantes deste importante poboado do noso pasado.

Xa desde o século XVIII o sitio arqueolóxico da Lanzada vén ofrecendo ósos aos expertos e historiadores. Así o verificou o Padre Sarmiento cando, ao pasar polas proximidades da ermida, puido apreciar como no cantil da península na que se atopa a ermida e os restos do castelo medieval, aparecían numerosos ósos humanos. As escavacións posteriores, especialmente a levada a cabo por Antonio de la Peña, amosaran unha importantísima necrópole de época romana pola zona na que hoxe se atopan a estrada e os chalés. A relevancia da necrópole da Lanzada deriva do incrible estado de conservación dos difuntos alí soterrados. A area permitiu que os esqueletes se conservaran, algo case único en Galicia.

Pero Cornelia, o novo esquelete da Lanzada, apareceu a cincuenta metros da necrópole localizada por Antonio de la Peña nos anos 70, é dicir, bastante lonxe. Os arqueólogos da Deputación de Pontevedra que están a levar a cabo a nova campaña neste importante sitio arqueolóxico do Salnés atópanse, aínda, na primeira fase do traballo, recuperando estruturas xa investigadas nos anos setenta. Posteriormente, no seu plan, estaba o de investigar máis a factoría de prebe de peixe localizada nun extremo do sitio. E apareceu Cornelia.

O esquelete atopábase soterrado baixo un vertedoiro cheo de cerámica de luxo romana, a famosa terra sigillata, datado no século I. O enterramento estaba debaixo dese depósito, así que a previsión de Rafael Rodríguez, o arqueólogo director da intervención, é que o enterramento sexa de algún momento anterior do século I, coincidindo se cadra cos inicios da romanización. Aínda que o esquelete vai ser estudado na Universidade de Santiago, os investigadores xa manteñen as primeiras hipóteses: é unha muller de mediana idade que, a xulgar polo desgaste óseo, traballou de maneira considerable. Soterrárona nunha caixa -da que atoparon os cravos- e foi atopada nunha posición un pouco curiosa, boca arriba e cos brazos por debaixo do corpo. “Puido moverse a caixa e provocar este movemento no cadáver”, suxire Rdoríguez. Decidiron chamala Cornelia pola coincidencia desa data no calendario co día do descubrimento. Para Rafael Rodríguez, “este achado é coherente con algúns dos mortos localizados previamente na Lanzada, que tamén pertencerían a este horizonte do século I d.C.”.

Hai que ter en conta que, debido ao tipo de solos de Galicia, é moi difícil que se preserve a materia orgánica, cousa que só acontece en situacións excepcionais, como cunha cuberta de area. Cando isto acontece, é unha enorme oportunidade para os arqueólogos. Rafael Rodríguez enumera as posibilidades: “cuestións de idades, enfermidades, dieta, contaminación atmosférica. E se cruzamos eses datos co que nos atopamos nos concheiros, cos datos edafolóxicos, pode ser incrible”. Pero sobre todo, para Rodríguez o máis relevante é “poñer rostro” aos habitantes deste lugar, “parece que sempre falamos en abstracto e era persoas como ela”.

Non é a única
A cuestión é que hoxe apareceu outro esquelete nas proximidades de Cornelia, a uns oito metros, na mesma zona. Trátase dun bebé que aínda está en proceso de excavación e que parece indicar que o achado de Cornelia non é aillado, senón que forma parte dunha necrópole. A mesma necrópole que excavou De la Peña e que se atopaba máis alá da estrada, a máis de cincuenta metros de distancia?

É moi cedo para sabelo. “Como sigan aparecendo mortos, imos ter que redefinilo todo e redeseñar o plan de excavación”, afirma Rafael Rodríguez. Será o momento do pincel e de cambiar o plan, enfrontándose, cara a cara, cos habitantes dun poboado que ten moito que contar á Historia de Galicia.