Dúas grandes sorpresas (e unha pequena) no Trega

Sistemas de drenaxe nas unidades domésticas, cavidades artificiais e pechaduras son os novos achados do castro do Trega

Sistemas de drenaxe nas unidades domésticas, cavidades artificiais e pechaduras son os novos achados do castro do Trega
A cavidade artificial no Trega. Foto: Equipo arqueolóxico da Deputación de Pontevedra
O castro do monte Trega (A Guarda, Pontevedra) non para de dar sorpresas. As escavacións no barrio Mergelina deste asentamento galaico están ampliando o coñecemento dun dos poboados da Idade do Ferro máis grandes de Galicia e introducindo novas ideas e conceptos na concepción e na organización dos grandes castros. En culturagalega.gal imos seguindo as evolucións da excavación do barrio Mergelina, financiada pola Deputación de Pontevedra, a través dos comentarios co dirección da intervención, o arqueólogo Rafael Rodríguez.

1. A cavidade baixo o gran edificio
Nestes días apareceu nos medios a noticia do achado dunha cova ou gruta. Trátase dunha cavidade artificial, como marcan as numerosas evidencias de golpes de picos. “Estaba perfectamente escavada no sustrato”, sinala Rafael Rodríguez, “e ten unha forma de s, que vai baixando e meténdose car ao fondo”. A cavidade ten 5,5 metros de lonxitude e un `punto de máxima profundidade entorno aos 2,50 metros con respecto á cota actual.

Trátase dun achado insólito no mundo castrexo, pero non tan estraño se se ve en contexto do propio castro. O equipo que dirixe Rafael Rodríguez detectou diferentes niveis de ocupación na citania que comezan, no barrio Mergelina, no século IV a.C., cando as cabanas aínda non son de pedra e as principais evidencias son os furados dos postes que un día sostiveron todo tipo de estruturas e foxas escavadas dentro ou fóra das cabanas que se interpretan habitualmente como silos. A gran cavidade localizada parece estar asociada a outras dúas foxas con formas globulares próximas, así que é unha forma en grande de algo que se detecta con abundancia neste e noutros castros nesta fase antiga.

“Non sabemos que funcionalidade ten”, afirma Rafael Rodríguez, que descarta o seu uso como alxibe ou tamén como punto de extracción de mineral. “Podería ser un megasilo ou un megalmacén”, suxire. Os achados no interior tampouco confirman ningún uso. “Directamente sobre o chan, e abaixo de todo, aparecen fragmentos dunha ánfora púnica que teñen toda a pinta de ser un arrastre e non un depósito”, e xa cando a cavidade se foi enchendo de terra tamén apareceu unha fíbula transmontana de bronce, pero tamén vinculada aos recheos. Mesmo no século II a.C. construíron sobre a gruta dúas cabanas.

A cavidade foi totalmente recuberta no século I, cando sobre ela edificaron un dos edificios máis intrigantes do barrio Mergelina. Sabían que a cova estaba aí e reforzaron esa zona para edificar sobre ela un edificio rectangular con muros de gran calidade. E esta é a segunda das sorpresas.


Entrada ao edificio rectangular. Foto: Equipo arqueolóxico da Deputación de Pontevedra

2. O edificio rectangular
Durante varios meses, o sentido dunha gran estrutura rectangular que estaba aparecendo era totalmente unha incógnita, pero espertaba o interese de moita da comunidade arqueolóxica galega. Tratábase dun gran edificio rectangular con mampostería e con cronoloxía clara do século I d.C., rodeado de zonas enlousadas. Os arqueólogos, finalmente, só poden descartar o uso doméstico dese gran espazo. “O feito de que non apareza ningún material no interior lévanos a pensar que é un edificio público e que ten que ver co mundo simbólico ou con temas de recadación de impostos”, sinala Rodríguez. Pero o silencioso edificio permite amosar un pequeno pero fermoso detalle da vida cotiá: no umbral localizaron os restos do quicio e os furados da pechadura, o cal daría unha das primeiras pechaduras localizadas nun castro.


Canalizacións e alxibes. Foto: Equipo arqueolóxico da Deputación de Pontevedra

3. O sistema de drenaxe
Pero se cadra un dos aspectos máis novidosos e importantes da excavación de Mergelina é o sistema de drenaxe e condución de augas da citania. “No Trega só había dúas fontes”, indica Rafael Rodríguez, “así que tiñan que aproveitar ao máximo posible a auga da chuvia. Toda a auga estaba canalizada”, sinala o arqueólogo. As canles conducen a pequenos alxibes ubicados en cada unidade familiar, o cal significa que cada casa dispuña de auga directamente no seu recinto, pero ao mesmo tempo ese alxibe continuaba conectado á rede para circular á seguinte casa cando desbordaba e conseguir un mellor aproveitamento.

“Pero o chamativo, ademáis, é que os drenaxes son parte do deseño urbanístico do barrio”, indica Rodríguez. “Sabemos que primeiro deseñaron o sistema de subministro hidráulico e despois construíron as casas porque os patios están tapando as drenaxes. E iso, ademáis, explica por que non hai muros medianeiros entre as casas, xa que as canles de auga son levadas entre elas”, afirma Rodríguez. O achado ten profundas implicacións sociais, xa que evidencia a existencia dunha visión global no deseño da distribución de recursos e na planificación urbanística da cidade, onde o esforzo común de deseño e construción dunha drenaxe antecede ao esforzo familiar do levantamento de unidades habitacionais.
O Trega continúa amosando unha visión novidosa do mundo da Idade do Ferro.

Durante os vindeiros tres domingos (ata o 13 de marzo) aquelas persoas que reserven praza poderán visitar as escavacións. É preciso contactar co Museo Arqueolóxico (MASAT) no telf. 690017038 en horario de 11:00 a 17:00 horas.