Ósos para alumear un tempo

A nova escavación da Lanzada xa revela dous esqueletes do século I d.C.

| Santiago. Redacción | Seccións: Historia
Compartir:
Foto: Equipo arqueolóxico Deputación de Pontevedra

Foto: Equipo arqueolóxico Deputación de Pontevedra

A máis de cincuenta metros do que se consideraba a necrópole do poboado da Lanzada, a area volve a amosar enterramentos humanos onde non se agardaban. Trátase dunha muller e un bebé que se poden remontar aos inicios do século I d.C., nos principios da romanización de Galicia, unha época da que a penas se conservan restos de individuos. Os cadáveres poden dar conta da vida e orixe dos primeiros habitantes deste importante poboado do noso pasado.

Xa desde o século XVIII o sitio arqueolóxico da Lanzada vén ofrecendo ósos aos expertos e historiadores. Así o verificou o Padre Sarmiento cando, ao pasar polas proximidades da ermida, puido apreciar como no cantil da península na que se atopa a ermida e os restos do castelo medieval, aparecían numerosos ósos humanos. As escavacións posteriores, especialmente a levada a cabo por Antonio de la Peña, amosaran unha importantísima necrópole de época romana pola zona na que hoxe se atopan a estrada e os chalés. A relevancia da necrópole da Lanzada deriva do incrible estado de conservación dos difuntos alí soterrados. A area permitiu que os esqueletes se conservaran, algo case único en Galicia.

Pero Cornelia, o novo esquelete da Lanzada, apareceu a cincuenta metros da necrópole localizada por Antonio de la Peña nos anos 70, é dicir, bastante lonxe. Os arqueólogos da Deputación de Pontevedra que están a levar a cabo a nova campaña neste importante sitio arqueolóxico do Salnés atópanse, aínda, na primeira fase do traballo, recuperando estruturas xa investigadas nos anos setenta. Posteriormente, no seu plan, estaba o de investigar máis a factoría de prebe de peixe localizada nun extremo do sitio. E apareceu Cornelia.

O esquelete atopábase soterrado baixo un vertedoiro cheo de cerámica de luxo romana, a famosa terra sigillata, datado no século I. O enterramento estaba debaixo dese depósito, así que a previsión de Rafael Rodríguez, o arqueólogo director da intervención, é que o enterramento sexa de algún momento anterior do século I, coincidindo se cadra cos inicios da romanización. Aínda que o esquelete vai ser estudado na Universidade de Santiago, os investigadores xa manteñen as primeiras hipóteses: é unha muller de mediana idade que, a xulgar polo desgaste óseo, traballou de maneira considerable. Soterrárona nunha caixa -da que atoparon os cravos- e foi atopada nunha posición un pouco curiosa, boca arriba e cos brazos por debaixo do corpo. “Puido moverse a caixa e provocar este movemento no cadáver”, suxire Rdoríguez. Decidiron chamala Cornelia pola coincidencia desa data no calendario co día do descubrimento. Para Rafael Rodríguez, “este achado é coherente con algúns dos mortos localizados previamente na Lanzada, que tamén pertencerían a este horizonte do século I d.C.”.

Hai que ter en conta que, debido ao tipo de solos de Galicia, é moi difícil que se preserve a materia orgánica, cousa que só acontece en situacións excepcionais, como cunha cuberta de area. Cando isto acontece, é unha enorme oportunidade para os arqueólogos. Rafael Rodríguez enumera as posibilidades: “cuestións de idades, enfermidades, dieta, contaminación atmosférica. E se cruzamos eses datos co que nos atopamos nos concheiros, cos datos edafolóxicos, pode ser incrible”. Pero sobre todo, para Rodríguez o máis relevante é “poñer rostro” aos habitantes deste lugar, “parece que sempre falamos en abstracto e era persoas como ela”.

Non é a única
A cuestión é que hoxe apareceu outro esquelete nas proximidades de Cornelia, a uns oito metros, na mesma zona. Trátase dun bebé que aínda está en proceso de excavación e que parece indicar que o achado de Cornelia non é aillado, senón que forma parte dunha necrópole. A mesma necrópole que excavou De la Peña e que se atopaba máis alá da estrada, a máis de cincuenta metros de distancia?

É moi cedo para sabelo. “Como sigan aparecendo mortos, imos ter que redefinilo todo e redeseñar o plan de excavación”, afirma Rafael Rodríguez. Será o momento do pincel e de cambiar o plan, enfrontándose, cara a cara, cos habitantes dun poboado que ten moito que contar á Historia de Galicia.

Que che parece esta nova?
81 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega

Achados patrimoniais

Ver serie completa
Dúas grandes sorpresas (e unha pequena) no Trega

Dúas grandes sorpresas (e unha pequena) no Trega

Sistemas de drenaxe nas unidades domésticas, cavidades artificiais e pechaduras son os novos achados do castro do Trega

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Padre Sarmiento, Historia de Galicia, Castelo, Deputación de Pontevedra...