A Rede de Música ao Vivo ofertará 113 concertos ata decembro

O conxunto de redes de exhibición da Agadic programarán 413 funcións no vindeiro semestre

Un total de 113 actividades distribuídas entre 34 salas de 19 localidades compoñen a oferta da Rede Galega de Música ao Vivo para o segundo semestre de 2016. Así o anunciaba onte a Axencia Galega das Industrias Culturais, que salienta que 103 das citas que integran este programa son concertos a cargo de de 33 bandas e intérpretes. Adrián Costa & The Criers, Agoraphobia, Aldaolado, Banda Crebinsky, Caxade, Davide Salvado, Eladio y los Seres Queridos, Felipe Villar Trío, Guezos, Igloo, Maryland, Músculo!, Os da Ría, Silvia Penide, The Lákazans ou Vandallica son algúns dos nomes que participan do programa. A carteleira complétase con 10 actuacións de maxia, novo circo e narración oral que estarán a cargo do Mago Teto, Fusionarte, Peter Punk, Rubén Riós e Serxio Pazos.

En conxunto, as redes de distribución da AGADIC programarán ata fin de ano 413 funcións escénicas e concertos. Así pois a Rede Galega de Teatros e Auditorios, que celebra vinte anos, acollerá 236 representacións en 49 espazos diferentes de 38 localidades galegas. Estes, que inclúen teatro para público adulto e infantil, danza, maxia, música e novo circo, estarán a cargo de 94 formacións artísticas.

Pola súa banda, os cinco espazos integrados na Rede Galega de Salas (Teatro del Andamio, Sala Gurugú, Sala Ingrávida, Fundación SGAE e Teatro Ensalle), acollen ata decembro 64 funcións a cargo de 28 compañías, entre as que destaca o alto número de propostas orientadas a público infantil.