O libro baixo a terra

O verán enche Galicia de intervencións arqueolóxicas

O verán enche Galicia de intervencións arqueolóxicas
Escavacións na cidade de Armea (Augas Santas, Allariz). Foto: Universidade de Vigo
Como cada verán, sucédense as intervencións arqueolóxicas en diferentes comarcas do país. Desta volta, falamos de poboados castrexos e a provincia de Ourense como importante foco de investigación.

A Lanzada
As escavacións da Lanzada teñen amosado un sorprendente poboado que se remonta aos inicios da segunda Idade do Ferro pero que chega tamén ata o final de época romana. A esta dilatadísima secuencia temporal se lle engade que o feito de estar cuberto esencialmente de area permite que neste sitio arqueolóxico se conserven de maneira excepcional materiais de orixe orgánica que nos achegan unha visión moi distinta da época. Ademáis, no poboado da Lanzada dáse un importante punto de encontro comercial entre as culturas mediterráneas e os galaicos.

Na intervención deste ano, o arqueólogo da Deputación de Pontevedra, promotora da intervención, triplicarase o número de metros cadrados visibles ata o momento e vanse tentar precisar as cronoloxías, explorando “o que parecen dúas ocupacións de época romana, do século I e III d.C., ademáis de varias sondaxes para definir a extensión do xacemento, as súas funcionalidades e mesmo a presenza dun mosteiro altomedieval documentado”.

O Muro de Medeiros
Na parroquia de Medeiros, do concello ourensán de Monterrei, estase a levar a cabo un proxecto de intervención singular que busca musealizar un contorno cultural conformado por un castro e máis de vinte lagares rupestres dispostos na súa ladeira, explorando as relacións entre elementos arqueolóxicos de distintas épocas. O proxecto, promovido polo Concello de Monterrei, conta co patrocinio do viño local Mara Moura.

O proxecto céntrase nun singular castro: o Muro da Cidade de Medeiros. Trátase dun sitio castrexo xa comezado a explorar a mediados do século pasado por Xesús Taboada Chivite, que se define por unha espectacular muralla pétrea que cingue unha croa e varios recintos que aínda cómpre precisar. O castro xa foi limpado de vexetación na súa zona superior e é accesible para os visitantes, aínda que o proxecto contempla limpar unha área máis grande para estudar as súas dimensión globais.

Un barrio romano en Armea
En Allariz os traballos concentráronse na cidade de Armea, o gran castro ubicado na parroquia de Santa Mariña de Augas Santas, onde os traballos puxeron ao descuberto máis metros cadrados dun singular poboamento formado aos inicios da ocupación romana, que a finais do século I se reformula para erixir unhas casas (domus) de maior complexidade arquitectónica. O resultado é un auténtico barrio romano na base do castro que será musealizado e que poderá ser visitado. As intervencións foron dirixidas por Adolfo Fernández, da Universidade de Vigo, quen definiu os resultados como “unah auténtica cidade romana no rural”.


Formigueiros
O castelo de Formigueiros, en Amoeiro (Ourense), foi tamén obxecto dunha intervención arqueolóxica co obxectivo de comprobar a existencia de niveis castrexos baixo unha fortificación medieval que xa se coñecía e estimaba segura. A intervención permitiu verificar a existencia dun nivel da Idade do Ferro. Aínda que non foron localizadas estruturas arquitectónicas castrexas, a presenza de cerámica da época nunha terraza permitiu que a intervención, dirixida por Ladislao Castro, do grupo de investigación GEAAT da Universidade de Vigo, demostre a existencia dun nivel de ocupación anterior ao castelo de Alba de Búbal, arrasado polos Irmandiños.