O Verbum de Vigo reactívase coa exposicion Emporium

A mostra repasa a actividade comercial da cidade durante mil anos

Amosar un milenio de relacións comerciais en Vigo, desde a Prehistoria ata a chegada dos árabes á Península. Esta é a intención de Emporium. Mil anos de comercio en Vigo. A exposición, que abría onte as súas portas no Verbum, supón a reactivación deste centro logo de que o ano pasado se anunciase unha muda na súa orientación, ao deixar de ser a "Casa das palabras". O proxecto da Rede de Museos Municipal foi comisariado por Adolfo Fernández e Pilar Barciela, e recupera pezas dos fondos arqueolóxicos do Museo Quiñones de León e mais do Museo do Mar, entre elas o cipo púnico achado en Toralla que testemuña a presenza fenicia na cidade.

Ungüentarios orientais, unha cruz visigoda, ánforas ou áncoras de pedra son algunhas das dúascentas pezas orixinais que se poderán ver ata o 28 de maio do vindeiro ano. Canda a eles, a produción audiovisual Intercambios comerciais na Ría de Vigo na Antigüedade, realizado pola arqueóloga Alicia Colmenero contextualiza estes restos e explica as dinámicas comerciais da época.
Díptico de Emporium. Mil anos de comercio en Vigo.
Catálogo de Emporium. Mil anos de comercio en Vigo.