Silvia Penas gaña o 27º Premio de Poesía de Carral

A obra 'A pel do exilio' convenceu por unanimidade ao xurado

A obra 'A pel do exilio' convenceu  por unanimidade ao xurado
Silvia Penas Estévez
O poemario 'A pel do exilio' de Silvia Penas Estévez (Vigo, 1980), foi o escollido entre un total de 94 obras presentadas ao 27º Premio de Poesía do Concello de Carral. O xurado chegou por unanimidade á escolla deste traballo salientando o seu ritmo e a súa "vocación de mediar co mundo, traspasando o texto na procura da reflexión metapoética e identitaria", segundo a comunicación da acta, na que se sinala como "a forza da voz poética manifesta a súa furia a través do ritmo e da limpeza das imaxes". O xurado estivo presidido polo alcalde Javier Gestal Pose, e conformado por Inma Otero, Tamara Andrés, Ciro Briones, e actuando como secretario, con voz e sen voto, o técnico de Cultura, Carlos Lorenzo. As case cen obras presentada nesta ocasión supoñen unha nova marca de participación para o certame.

Silvia Penas Estévez comezou a súa andadura poética no colectivo Redes Escartala. A autora colleitou varios premios e accésits ao longo da súa traxectoria profesional e, no 2010, publicou o seu primeiro poemario 'Biografía da multitude' (en coautoría con Elvira Riveiro). Penas Estévez escribiu tamén de 'As uñas crecen', co que gañou o certame Manuel Lueiro Rey de Poesía. A este séguenlle 'Diario de ladras, bailarinas, asasinas e flores' (Premio de Poesía Avelina Valladares) e 'Fronteira Paraíso'. A autora viguesa recibirá o seu recoñecemento o vindeiro venres, 31 de maio, na Casa da Cultura de Carral nun acto que servirá, así mesmo, para presentar o libro 'Oídos de espeleóloga', co que Ciro Briones gañou a 26ª edición do certame. O premio, que conta coa colaboración anual da Xunta de Galicia, está dotado con 3.500 euros e a publicación da obra na colección de poesía de Edicións Espiral Maior.